6 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

A Escola de Cantería da Deputación inicia o programa de visitas guiadas dirixidas a alumnado da ESO 

Estudantes de Secundaria poderán coñecer unha opción educativa alternativa á Formación Profesional tradicional e ao Bacharelato  

Un alumno da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra traballando nunha peza escultórica
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra pon en marcha este mes de febreiro un programa de visitas guiadas ás súas instalacións, que se prolongará ata o vindeiro mes de xuño. Estas visitas, destinadas ao alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos da provincia, terán lugar de luns a xoves, de 9:30 a 11:30 horas, ou de luns a mércores, de 16:00 a 17:30 horas.  

 Cunha duración aproximada de 45 minutos, as visitas teñen por finalidade que mozos e mozas que están a piques de rematar a educación secundaria obrigatoria poidan coñecer, de primeira man, unha opción educativa alternativa ao Bacharelato e á Formación Profesional.  

 As visitas ás instalacións estarán guiadas polo director técnico do centro, Enrique Velasco, e permitirán ver en funcionamento as aulas e os obradoiros de modelaxe, escultura, baleirado de esculturas, pulido ou informática, e observar en directo o traballo do actual alumnado co bronce, o granito ou o mármore, así como adquirir un coñecemento básico das normas de seguridade que se empregan nos traballos de cantería.  

 O alumnado obterá información, ademais, sobre todas as materias que se imparten na Escola de Cantería e descubrirá a relevancia do centro na recuperación e no mantemento dun dos oficios máis tradicionais, así como na conservación do patrimonio histórico-artístico da provincia de Pontevedra. Cada centro poderá escoller a data e a hora que máis lle conveña; a reserva das visitas realizarase a través do número de teléfono 886 201 550 ou mediante o correo electrónico carmen.fernandez@depo.es.

Ningún comentario:

Publicar un comentario