6 de feb. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra impulsará o Museo de Pontevedra como referente artístico a nivel nacional 

Carmela Silva e Xosé Leal anuncian novas políticas para promover e proxectar o Museo de Pontevedra máis aló da perspectiva provincial  


Infogauda / Pontevedra

 A peza Emigrantes Celtas. Lonxe da terriña, lonxe do meu lar, de Manuel Quiroga e interpretada polo violinista Sergio Heredia, foi o punto de arranque do acto deseñado pola Deputación para compartir coa cidadanía e cos traballadores e traballadoras do Museo o Premio da Cultura Galega concedido á institución museística no apartado Patrimonio Cultural. Encabezado pola presidenta do ente provincial, Carmela Silva, polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo director do Museo, Carlos Valle, a cita serviu para poñer en valor toda a súa traxectoria e os obxectivos para acadar de cara ao futuro.  

 Na súa intervención o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, fixo un breve repaso pola traxectoria do Museo seguindo o epígrafe baixo o que se convocaba o acto, "Museo de Pontevedra. Pasado, presente, futuro", e incidindo moi especialmente no último apartado. "Este estamento non pode ser estático nin vivir só dun pasado glorioso e dun presente tan importante e polos cales vén de recibir este recoñecemento", sinalou Leal. E engadiu "precisa mirar cara ao futuro, un futuro que pasa pola apertura dos edificios que permanecen pechados e a súa reformulación, para o que xa estamos a traballar, para que sexa unha realidade a partires deste ano 2017, Ano do Patrimonio". O deputado indicou, ademais, que a Deputación está a traballar para que o Museo de Pontevedra acade o papel que lle corresponde a nivel nacional como centro artístico de referencia. "Manter a esencia pero apostar por novas fórmulas, novos formatos. Para iso estamos a traballar, xunto á dirección do Museo, nun consello asesor técnico sobre o que pilotará a idea do Museo que queremos ter para os vindeiros 20-30 anos. E non só cunha perspectiva provincial, senón a nivel galego, pois consideramos que temos o museo nacional de Galiza", afirmou Xosé Leal.  

 Unha idea que reforzou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que foi a encargada de pechar o acto. "Quero que saibades que este goberno da Deputación de Pontevedra mantén unha firme aposta e compromiso coa cultura por ser esta a verdadeira esencia do noso pobo, das nosas xentes. E este compromiso vai máis alá da propia promoción e conservación cultural: queremos proxectar e impulsar novas políticas que permitan democratizar o acceso á cultura ao tempo que promovemos o valor artístico, histórico e cultural da provincia de Pontevedra", asegurou Carmela Silva na súa intervención. "E esta aposta por facer a cultura accesible a todas as pontevedresas e pontevedreses só a poderemos levar a cabo se desde as propias administracións cremos, fomentamos, incentivamos e valoramos o traballo que se fai en e desde centros artísticos e culturais como o Museo de Pontevedra", engadiu a presidenta.  

 Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, centrouse nun pormenorizado percorrido desde os inicios da institución museística ata a actualidade, un camiño que permitiu chegar ao día de hoxe cunha colección permanente na que se inclúen pezas fundamentais da historia da arte galega. Valle, que titulou a súa intervención "Agasallo compartido", tivo tamén xenerosas palabras para todas as persoas que axudaron coas súas doazóns a incrementar a colección permanente. "Desde a súa fundación o Museo de Pontevedra non deixou de crecer fisicamente e de incrementar e enriquecer os seus fondos arqueolóxicos, artísticos, bibliográficos, documentais e gráficos, con frecuencia froito da doazón de moi xenerosos benfeitores, coñecidos uns, anónimos outros, todos, en calquera caso, esenciais", asegurou o director. Carlos Valle volveu remitirse ás palabras de Sánchez Cantón "constancia, traballo e amor" para explicar como o que denominou "o ámbito dos sentimentos, das querencias, das vontades, dos principios, mesmo da ética do traballo" converteron o Museo de Pontevedra nun dos museos provinciais máis destacados do Estado. Por último, Valle tamén quixo poñer en valor moi especialmente o equipo técnico do que forma parte. "Nesta intrahistoria áchase tamén un trazo particularmente valioso do ser, da esencia máis íntima, do Museo de Pontevedra: a práctica totalidade do seu equipo técnico, incluído eu mesmo como director, recibiu a súa formación específica no ámbito no que traballa no Museo na propia entidade, son produto da súa canteira. Non é esta unha singularidade menor da casa que esta tarde nos acolle", afirmou.  

 Ademais das intervencións institucionais, no acto tamén se deu cabida a actuacións artísticas coas que se pretendía conxugar disciplinas moi diversas e os conceptos de tradición e contemporaneidade. Así, ao violinista Sergio Heredia seguiulle Davide Salvado, que interpretou as pezas Canto de Arrieiro e A vida. A continuación, a cantautora Alba María, acompañada do músico Felipe Villar, interpretou Pretéritas perfectas do seu traballo Aínda e Tinta invisible, esta última unha peza repentizada na que mesturaba literatura e improvisación oral. A poeta Tamara Andrés foi a encargada de poñer sobre o escenario unha composición na que combinou poesía e audiovisual, baixo o título Os espellos e o mar. Por último, Davide Salvado pechou o evento acompañado polo bailarín de danza contemporánea Daniel Pardo e pola bailadora de tradicional Rosi Leiro. Todas as intervencións foron interpretadas en lingua de signos por unha intérprete da Organización de Xordos de Galicia (XOGA).

Ningún comentario:

Publicar un comentario