29 de xan. de 2017

A GUARDA

O BNG FELICITA AOS TRABALLADORES DE ESTALEIROS J. CASTRO

Polo acordo acadado coa Entidade Local Menor de Camposancos  

Ángel Luis Baz Vicente (portavoz do BNG no Concello da Guarda): “A actitude dos traballadores xunto coa CIG na defensa dos postos de traballo contrasta co desinterese e pouca implicación do PSOE”  


Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda; e María Mercedes Martínez Vázquez, concelleira do BNG na Corporación Municipal da Guarda e vogal na Entidade Local Menor de Camposancos


Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego considera de vital importancia o acordo adoptado entre a Entidade Local Menor de Camposancos e a empresa Estaleiros J. Castro, S. L., así o ven de afirmar Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda

 Este acordo vai garantir - segundo prevé Ángel Luis Baz -a continuidade da empresa, así como os seus postos de traballo cun futuro prometedor na localidade.  


Traballadores do Estaleiro J. Castro, S. L., con María Mercedes Martínez Vázquez e Ángel Luis Baz Vicente, concelleiros do BNG 

 Dende o BNG - engade Ángel Luis Baz - quérese manifestar que este acordo vén dado pola presión dos traballadores, a CIG e a oposición, obrigando tanto ao Alcalde Pedáneo de Camposancos como ao Alcalde da Guarda, ámbolos dous do PSOE, a chegar a un acordo entre a entidade menor e a empresa.  

 Asemade, dende o BNG instan ao Alcalde da Guarda a gardar os “fogos de artificio” destes días e lembrarlle que os traballadores levan 6 anos agardando por un acordo firme entre as partes, polo que ven desmedidas as aparicións públicas do rexedor cando até a data escapaba de calquera pregunta que dende o BNG se lle requiría.  

 “Agora toca asinar un contrato que leva 6 anos de atraso e que puxo en risco o futuro de moitas familias. Hoxe os traballadores poderán descansar un pouco máis tranquilos”, apunta Ángel Luis Baz Vicente.  

“Non houbo forza política que traballase tanto para que este acordo sexa unha realidade como o BNG, presentamos suxestións que hoxe son base do dito acordo”, afirmou María Mercedes Martínez Vázquez, vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos. 

 Os cárregos públicos do BNG no Concello da Guarda e na Entidade Local Menor de Camposancos non dubidan en adiantar: Dende o BNG vaise estar vixiante para que haxa un cumprimento do acordo así como que se garanta, cando menos, os postos de traballo actuais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario