12 de dec. de 2016

TUI

A Xunta de Galicia investirá máis de dous millóns de euros para concentrar os tres xulgados de Tui nun único edificio xudicial 

Alfonso Rueda realizou hoxe unha visita ao antigo Centro de Saúde, onde se prevé situar a nova sede xudicial de Tui

Cómpre destacar que a Vicepresidencia ten en marcha un Plan de Infraestruturas Xudiciais con actuacións necesarias que melloran a administración de xustiza

Alfonso Rueda realizou hoxe unha visita a estas antigas instalacións sanitarias, acompañado do alcalde, Enrique Cabaleiro; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; así como do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín

Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia vai investir máis de dous millóns de euros para poder concentrar os tres xulgados de Tui nun único edificio xudicial.  

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a mellora que van experimentar os servizos da administración de xustiza en Tui, tanto para os cidadáns usuarios como para os propios traballadores, coa reagrupación destes xulgados. Esta mellora será posible grazas ás obras de rehabilitación no antigo centro de saúde, que o Goberno galego prevé comezar xa o vindeiro ano 2017.  

 Alfonso Rueda realizou hoxe unha visita a estas antigas instalacións sanitarias, acompañado do alcalde, Enrique Cabaleiro; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; así como do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.  

 O proxecto reagrupará os tres xulgados de Primeira Instancia e Instrución de Tui nun único espazo e permitirá satisfacer necesidades que actualmente non se poden atender como unha zona zona de arquivo, a a dotación dunha oficina de atención á vítima de violencia de xénero, se é necesario, así como zona de espera e acceso separado para as vítimas de violencia de xénero.  

 Cómpre destacar que a Vicepresidencia ten en marcha un Plan de Infraestruturas Xudiciais, que supón levar a cabo actuacións necesarias que melloran a administración de xustiza, onde se encadran actuacións como a cidade da Xustiza de Vigo, o novo edificio xudicial da Parda en Pontevedra ou a rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos da Coruña.   

 A rehabilitación do centro de saúde para sede xudicial de Tui suporá un investimento de más de dous millóns de euros. O proxecto ten consignados 700.000 euros para o próximo ano no proxecto de orzamentos do Goberno galego e 1,5 previstos para 2018.  

 Actualmente os xulgados atópanse en dous edificios, o número 1 e o número 2 nun edificio transferido no ano 1995, de titularidade actual da Xunta de Galicia, e o número 3 nun local en cesión de uso de titularidade do Concello.  

 O edificio que alberga os xulgados nº 1 e 2 está situado na Praza da Inmaculada, onde tamén está a Policía Local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario