O Concello de Tomiño destinará a saneamento, proxectos educativos e contratación a maior parte dos fondos do Plan Local da Deputación
O Concello recibirá da Deputación máis dun millón de euros, un 63 % máis que no ano 2015
A alcaldesa Sandra González agradeceulle a Carmela Silva a primeira visita oficial dun presidente da institución provincial ao municipio
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Infogauda / Tomiño
Na súa primeira visita institucional a Tomiño a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, garantiulle á alcaldesa, Sandra González, a máxima colaboración da institución provincial para apoiar o Concello nos proxectos que ten en marcha.Tomiño recibe este ano da Deputación 1.237.000 euros, un 63 % máis que o que obtivo en 2015 grazas ao Fondo Local, que a alcaldesa agradeceu "porque por fin temos un plan con criterios obxectivos que garanten unha repartición xusta e equitativa".
Silva mostrou a súa satisfacción porque o goberno local de Sandra González xa decidiu a que destinará o diñeiro e que proxectos vai desenvolver. "Desde que chegamos ao goberno da Deputación tivemos moi claro que os concellos son os protagonistas e os que deben tomar as decisións sobre cales son as prioridades dos seus cidadáns", dixo a presidenta da Deputación. Neste sentido a alcaldesa de Tomiño sinalou que gran parte do diñeiro se dedicará a proxectos de saneamento no municipio. "É unha das grandes demandas dos veciños e veciñas, aínda que tamén destinaremos parte dese financiamento a proxectos educativos e a contratación". De feito, González anunciou que cubrirán as 27 prazas do plan de emprego que corresponden ao Concello do Baixo Miño, un plan de emprego que, tal e como as dúas políticas lembraron, ampliou o número de horas, subiu os salarios e se modificou para adecuarse ás necesidades de organización do traballo nos concellos.
O encontro, no que tamén participaron os deputados David Regades e Uxío Benítez, que é concelleiro en Tomiño, discorreu nun ambiente de máxima cordialidade no que a alcaldesa dixo sentirse "dobremente orgullosa da visita, porque o feito de que a presidenta sexa unha muller non é baladí. É algo moi importante para aquelas que traballamos moito para o feminismo e a defensa política de xénero".
Carmela Silva tamén insistiu en que a colaboración cos municipios non queda unicamente no Fondo Local. "Os concellos deben ser protagonistas en todos os temas. Estamos a traballar nun plan de actuación turística en toda a provincia que se fará e pactará cos gobernos locais. O mesmo vai ocorrer cos fondos europeos, nos que os proxectos deben nacer dos concellos".
A presidenta puxo como exemplo o proxecto de Unimiño; o deputado Uxío Benítez anunciou que proximamente presentará a candidatura de municipios portugueses e da provincia de Pontevedra coa que se pretende poñer en valor o río Miño como recurso económico e turístico da zona.

Ningún comentario:
Publicar un comentario