CULTURA
O ARTISTA PLÁSTICO VICENTE PREGO PRESENTA A MOSTRA "CALENDOSCOPIO" NA AULA DE CULTURA PONTE DE ROSAS
A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 21 de novembro e poderá visitarse de luns a venres de 19 a 21 horas.
Instituto de Estudos Miñoranos / Gondomar
Vicente Prego (A Coruña, 1957) presentará “Calendoscopio”, unha mostra plástica que abrangue unha selecta escolma da súa obra. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e graduado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela, a súa traxectoria artística estivo ligada nos seus comezos á Galería Trinta de Santiago. Na actualidade os seus traballos atópanse nas coleccións de importantes institucións e museos galegos.
A inauguración terá lugar este venres 26 de setembro ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira, nº10, baixo, Gondomar.
A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 21 de novembro e poderá visitarse de luns a venres de 19 a 21 horas.
As primeiras obras de Vicente Prego, pinturas abstractas nas que predominan a materia e a textura, encádranse na tradición do informalismo español. A posterior substitución do lenzo pola madeira como soporte para os seus cadros, posibilitou a inclusión de incisións, raiaduras, grafías e rombos, así como unha intervención máis determinante no mesmo: lixas, gubias, sopletes, cepillos abrasivos e trade son utilizados simultáneamente con brochas e pinceis, aportando ás obras un carácter afín aos grafittis. En palabras de Xosé Antón Castro: “(…) explicitando a homenaxe ao pintor CyTwombly … referente de todo artista abocado ao instinto sinalizador e visceral do grafismo”. É a partir dese momento cando tamén comezan a aparecer, emerxendo deses fondos informalistas, recreacións de arquitecturas clásicas ou paisaxes, imaxes reais ou inventadas, similares ás das antigas fotografías de viaxes, coma se tratáse dunha exploración a través dun itinerario difuminado polo recordo. Na súa obra manterase este desexo de atopar un territorio de equilibrio entre orde e caos, figuración e abstracción, azar e premeditación, realidade e ficción.
Como é habitual, trala presentación tomaranse uns petiscos e unha copa de viño co artista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario