16 de set. de 2014

FORMACIÓN

TECNOLOXÍA
OS CPAE 2.0 DE O PORRIÑO E VIGO OFERTAN CURSOS EN MATERIA DE SEGURIDADE INFORMÁTICA, RECURSOS TIC DESTINADOS Á EMPRESA E SEGURIDADE INFORMÁTICA

   ·   As actividades darán comezo o vindeiro 17 de setembro
·       O servizo de capacitación tecnolóxica é un dos máis demandados polos usuarios dos centros de asesoramento postos en marcha pola Deputación
·       As xornadas van dirixidas ás máis de 33.000 pequenas empresas e autónomos de Baixo Miño e Vigo


Fonte: Deputación de Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra pon en marcha xornadas de capacitación tecnolóxica dirixidas ás máis de 33.000 microempresas e autónomos das comarcas de Baixo Miño e Vigo. Será a través dos Centros Provinciais de Asesoramento Empresarial en Novas Tecnoloxías (CPAE 2.0) que a administración provincial ten abertos ao público na sede da Deputación en Vigo e no Centro Multiusos de Torneiros, en O Porriño.

 Estas xornadas forman parte do programa de servizos e actividades que a rede de centros CPAE vén desenvolvendo desde a súa inauguración, no pasado mes de marzo, e co que se pretende facilitar ao empresariado a mellora da súa competitividade por medio da mellora tecnolóxica.

Desta forma, o centro de asesoramento ofrécelles as micropemes e autónomos servizos de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC; titorización na incorporación das Novas Tecnoloxías; demostración de produtos e solucións TIC e acompañamento para o uso do comercio electrónico, ademais de axudalos no acceso a axudas e subvencións para a aplicación das tecnoloxías ao seu negocio.

 Xunto a estes servizos individualizados, ofértanse as anteditas xornadas de capacitación tecnolóxica, que comezaron a implantarse no mes de xullo cun notable éxito (desenvolvéronse 47 accións en toda a provincia, nas que participaron 450 empresarios) e que van continuar ao longo dos vindeiros meses.

 Entre as que se van impartir nos próximos días destacan as sesións maxistrais de temática legal sobre os aspectos estratéxicos de Propiedade Industrial no Sector TIC (signos distintivos, know-how, patentes) que serán impartidas por Eli Salís, Director de PwC Tax & Legal Services e responsable da Axencia de Propiedade Industrial da Especialidade de Intanxibles de PwC; as de seguridade informática e as de aplicacións e recursos TIC destinadas á empresa.

 No que respecta á propiedade industrial, impartirase cadansúa xornada en Vigo e O Porriño. A primeira delas terá lugar o 23 de setembro de 13,00 horas a 15,00 horas, mentres que a segunda se desenvolverá en O Porriño o 25 de setembro de 19,00 a 21,00 horas. 

 Así mesmo, en O Porriño desenvolveranse tres xornadas sobre recursos e ferramentas TIC destinadas á empresa. Terán lugar os días 17, 23 e 27 de setembro en diferentes horarios (mañá, mediodía e tarde) coa finalidade de facilitar a asistencia de todos os interesados.

 No caso de Vigo, ademais da sesión maxistral sobre propiedade industrial haberá outra sobre seguridade informática (que ten espertado un gran interese entre o empresariado tanto no asesoramento personalizado como nas actividades formativas desenvolvidas xa no mes de xullo) e 3 sobre Aplicacións empresariais esenciais.

 Estas sesións, ao igual que o asesoramento personalizado, son de balde e terán continuidade nos próximos meses, polo que a Deputación de Pontevedra ten á disposición dos usuarios unha web na que calquera interesado poida acceder á programación completa dos obradoiros. Trátase do portal www.cpae20.depo.es, no que tamén se ofrece información de todos os servizos ofertados pola Administración Provincial a través do CPAE.

Neste mesmo portal as microempresas e autónomos poden solicitar cita previa, ademais de poder facelo a través do teléfono 886 20 20 20 ou do correo electrónico info.cpae20@depo.es.


PROGRAMACIÓN CPAE 2.0 de O Porriño

17 setembro


13.00 - 15.00 Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio
23 setembro
19.00 - 21.00 Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio

25 setembro



27 setembro

19.00 - 21.00 Aspectos estratéxicos de Propiedade Industrial no Sector TIC (signos distintivos, know-how, patentes)

11.00 - 13.00 Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio


Ningún comentario:

Publicar un comentario