Continúan as mobilizacións no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal
Nais, pais e asemblea de profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, continúan o seu peche ante a falta de resposta da Consellería de Educación para completar o número de profesores asignados por lei ao centro educativo.
A comunidade educativa insiste en que a Consellería de Educación incumpre a súa propia lei, xa que, despois de catro días de curso, segue sen enviar o profesor que lle corresponde.
Hoxe pola noite a ANPA convocou unha asemblea e, ante a falta de resposta por parte da Consellería, decidiuse continuar co peche de xeito indefinido ata que se acade unha solución e continuar con outro tipo de mobilizacións.
Hoxe mesmo realizaron un acto de protesta no que se impartiu unha aula de educación física reivindicando as súas demandas na que se viron carteis nos que se podía ler: Pérez Ares, cumpre a lei; Ensino público de calidade; Conselleiro cumpre a lei ou Lomce = menos profesorado?
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario