9 de mar. de 2013

PONTEVEDRA


Asegura que hai plena disposición de árbitros para atender todos os casos que se deriven á arbitraxe

Louzán lembra que o número de arbitraxes que se atende depende de NovaGaliciaBanco e “se non trasladan casos non se pode actuar”

·       Destaca a “extrema nobreza” dos alcaldes populares que “pese aos insultos e provocacións” están actuando coa máxima responsabilidade e cun apoio incondicional aos afectados

·       Denuncia a “politización” do conflito das preferentes e critica que un exministro do goberno socialista que permitiu a comercialización de preferentes, veña agora a dar leccións e non recoñeza as súas responsabilidades

·       “O que queremos, dixo, é que a todos sen excepción, a todos aqueles que son aforradores, se lle devolvan os seus aforros. Iso é o que quere o PP e todos os que temos responsabilidades públicas”



Pontevedra, 8 de marzo de 2013.- O presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, quixo deixar hoxe moi claro que o número de arbitraxes que se está a atender diariamente depende exclusivamente de NovaGaliciaBanco, xa que é á entidade bancaria a que decide cantos casos e cales envía ao tribunal da arbitraxe.
“A comisión da arbitraxe actúa en función de que o banco mande casos para a arbitraxe, e se non trasladan casos non pode actuar”, asegurou Louzán, antes de incidir en que hai plena disposición de árbitros para atender todos os casos que se remitan.
Informou que na actualidade son 14.000 persoas as que xa puideron recuperar os seus aforros, “unha cifra importante pero que non é a cifra que todos queremos”. “O que queremos, dixo, é que a todos sen excepción, a todos aqueles que son aforradores, se lle devolvan os seus aforros. Iso é o que quere o PP e todos os que temos responsabilidades públicas”.
Neste sentido, incidiu en que “o PP non ten ningunha responsabilidade neste caso e o único que pode facer é axudar na medida do posible a que estes se resolvan”, algo no que se está traballando desde todas as institucións con gobernos populares.
Así, asegurou que o Goberno central ten previsto aprobar algunha iniciativa “que poida axudar” a solucionar na medida do posible esta situación, sempre tendo en conta os condicionantes de Europa.
ACTITUDE DEMAGÓXICA
Louzán criticou que, no polo oposto ao que está facendo o PP que, sen ter responsabilidades traballa desde o minuto un na busca de solucións, o PSOE mantén unha actitude demagóxica. Así, criticou que ex ministros do goberno socialista que permitiu a comercialización das preferentes pretendan dar leccións aos afectados con visitas como a realizada o pasado mércores por Valeriano Gómez a Sanxenxo.
O presidente provincial recalcou que o PSOE “tivo unha gran responsabilidade no asunto” e debería recoñecela.
NOBREZA DOS ALCALDES
O presidente provincial quixo deixar claro que, cando se aborda o problema das preferentes, hai que diferenciar entre a defensa que se debe facer e que o PP está exercendo dos realmente afectados e a “politización que algúns están tratando de facer do asunto”.
Neste sentido, Louzán, que esta mesma mañá se reuniu con alcaldes populares dos concellos máis afectados polas preferentes e que están a sufrir constantes ataques por parte de grupos de persoas que pretenden manipular aos afectados e usar politicamente este conflito, destacou a “estrema nobreza” dos alcaldes populares e o seu apoio incondicional aos afectados”.
Malia os insultos e provocacións que están a sufrir de forma reiterada por parte de “sindicalistas radicais que están actuando como un verdadeiro comando para atacar ao PP”, os populares están actuando con responsabilidade e rigor.
Así, subliñou que non é de recibo que se estean a rebentar plenos e a impedir o normal funcionamento da administración local cando esta está gobernada polo PP. Mostra gráfica da politización do asunto é, dixo, que mentres en Tui acoden a provocar e obrigar a suspender o pleno, no concello veciño de Salceda acoden a aplaudirlle ao alcalde.
“¿Que culpa ten o alcalde de Tui? ¿Que mérito ten o alcalde de Salceda?”, dixo, antes de reclamar liberdade para que os rexedores locais poidan desenvolver con normalidade a súa labor nos concellos.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario