A deputada do Grupo Popular tamén demandará que, de cara ao vindeiro ano, se faga coincidir a publicación destas subvencións de xeito que coincida coa celebración dos tradicionais curros
·
Iglesias mantivo un encontro, acompañada dos alcaldes de
Oia, Baiona, Gondomar e O Rosal, así como da portavoz do PP en Tomiño, con
gandeiros da Serra da Groba
Infogauda / Santiago de Compostela
A deputada do Grupo Popular Fátima Iglesias solicitará á Consellería do
Medio Rural e do Mar a apertura dun novo prazo de solicitude de axudas para a
identificación de cabalos de monte nas mesmas condicións que a orde de
subvencións publicada no presente ano 2012. Así mesmo, Iglesias demandará que
esta liña de axudas se publique o vindeiro ano de forma que os prazos de
identificación coincidan cos curros que se practican a partir do mes de xuño,
principalmente.
Fátima Iglesias reuniuse, xunto cos alcaldes de Oia,
Baiona, Gondomar e O Rosal, así como a portavoz do Partido Popular en Tomiño,
con gandeiros da Serra da Groba para recordarlles a obrigatoriedade de
identificar con microchip aos cabalos de monte. “Amosamos a nosa preocupación
pola necesidade de dar cumprimento da normativa nestas comarcas do Baixo Miño e
Val Miñor,e polas responsabilidades que este feito podería xerar para os
gandeiros de non cumprirse con esta obriga”. Neste senso, a deputada popular
sinalou que a non celebración este ano dos tradicionais curros” non devén da
aplicación da norma nin da necesidade de que os cabalos conten co microchip.
OBRIGA XERAL
DE IDENTIFICACIÓN
A deputada popular explicou que a normativa
comunitaria establece a obriga xeral de identificación dos cabalos, coa única
excepción posible das poboacións que viven en réxime de liberdade en áreas
confinadas. No caso concreto de Galicia, as únicas áreas que cumpren esta
condición son as illas da fachada atlántica.
Desde hai tres anos, a Consellería do Medio Rural e
do Mar ten liñas de axudas para sufragar o custe da identificación destes
cabalos ata un máximo de 40 euros por animal, e que cubriron o 90 por cento do
custe da identificación en 2010, o 75 por cento en 2011 e o 60 por cento en
2012.
Fátima Iglesias avanzou aos alcaldes e gandeiros que
asistiron á xuntanza que mañá, venres, manterá un encontro co director xeral de
Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, a quen lle exporá a posibilidade,
demandada por gran número de gandeiros da comarca miñorana ,de dar curso á publicación
dunha segunda orde de axudas en 2012 nas mesmas condicións da que foi publicada
a principios de ano, e que cubriu o 60 por cento do custo da identificación dos
cabalos.
AXUDAS
COINCIDINDO COA CELEBRACIÓN DE CURROS
“Ademais, entendemos, ante a demanda dos propietarios
dos animais, que, de cara ao vindeiro ano 2013, a Consellería do Medio Rural e
do Mar podería adecuar a publicación desta liña de axudas, de xeito que os
prazos de identificación coincidan coa celebración dos tradicionais curros que
se practican a partir do mes de xuño”, apuntou a deputada popular.
Por ultimo, Fátima Iglesias apuntou que os contactos
mantidos tanto pola súa parte coma pola dos responsables municipais desta área
coa Consellería do Medio Rural e do Mar amosaron que este departamento do
Goberno galego se atopa na liña “de facilitar a tramitación destas axudas e a
atención das demandas dos gandeiros” ao tempo que subliñou que a Consellería
que dirixe Rosa Quintana é consciente de que os propietarios dos équidos “están
a realizar un gran esforzo por manter o cabalo no monte, tan importante e
fundamental nas labores de limpeza, desbroce e prevención dos incendios”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario