
O BNG de Tui presenta no rexistro do concello unha moción para declarar o 24 de febreiro día de Rosalía de Castro
O BNG de Tui desexa resaltar a figura de Rosalía de Castro como a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas
A súa obra, amplamente coñecida é un retrato do pobo galego, da súa lingua, da súa cultura e goza dunha total actualidade sendo recoñecida Rosalía como unha das máis destacadas da literatura universal de todos os tempos. O seu libro Cantares Gallegos, foi o primeiro escrito integramente no noso idioma e supuxo o inicio da restauración do seu uso escrito e o final de séculos de silencio e esquecemento.
Por todos estes motivos a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
Por todo isto o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego solicitou no rexistro do 8 de febreiro de 2012 que o Pleno da Corporación Municipal adopte os seguintes acordos:
1. Declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso concello.
2. Emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 24 de febreiro, data recollida oficialmente pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza no seu Calendario do Libro e da Lectura.
3. Realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares, veciños, veciñas e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario