A DEPUTACIÓN COLABORA CON 30 ASOCIACIÓNS PARA PALIAR AS CARENCIAS BÁSICAS DAS FAMILIAS MÁIS NECESITADAS
Nos últimos 3 anos destinou preto de 400.000 euros a axudas a estas entidades
Con preto dun 17% da poboación pontevedresa en risco de pobreza, as entidades que prestan apoio ás familias para a cobertura das súas necesidades básicas atenden cada día un maior número de persoas e presentan maiores necesidades, ás que a Deputación de Pontevedra quere dar a resposta máis axeitada.
Así o manifestou esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, nunha xuntanza con representantes de asociacións e entidades da provincia que traballan neste campo para recoller as súas propostas e, entre todos, buscar fórmulas que permitan sacar o maior proveito aos recursos existentes e axudar a paliar as necesidades básicas das familias.
Con este obxectivo, a Deputación ten en marcha diversas liñas de axuda, entre as que se inclúen convenios de colaboración, subvencións para gastos correntes e para investimentos, e axudas para a adquisición de alimentos ou para o desenvolvemento de programas formativos. Nos último ano, beneficiáronse destas axudas 24 entidades, que recibiron unha achega global de 176.520 euros.
Entre as actuacións levadas a cabo figuran os convenios de colaboración coa Asociación Vida Digna; San Vicente Paúl de Marín, a Asociación de Caridade Santiago Apóstol de Cangas, Cáritas Vilagarcía, o Banco de Alimentos, a Asociación Afán de Axuda ao Necesitado de Vigo, e Cáritas Tui-Vigo; as axudas para cubrir parte dos gastos correntes concedidas a Cáritas Pontevedra e Afán Vigo; ou as subvencións para alimentos concedidas aos Hermanos Misioneros de Enfermos Pobres de Vigo; aos comedores de San Francisco, en Pontevedra; da Esperanza e de Vida Digna de Vigo; de San Vicente Paúl en Marín, de Santiago Apóstol de Cangas e a Calor y Café de Pontevedra.
A Administración Provincial colaborou tamén no acondicionamento do local de Cáritas de Aldán; no equipamento da asociación SOS Marín; no acondicionamento do Centro de Acollida de Cáritas desta mesma localidade; na construción dun almacén para Cáritas Redondela; e na adquisición dun vehículo para Cáritas Tui-Vigo, entre outras.
Rafael Louzán incidiu en que dar apoio ás familias máis necesitadas é unha das principais liñas de actuación da Deputación Provincial que, ademais das axudas que concede aos colectivos e entidades de atención primaria ás familias -que nos últimos tres anos ascenderon a preto de 400.000 euros e beneficiaron a unha trintena de colectivos- puxo en marcha os diversos centros do complexo Príncipe Felipe, que están a desenvolver unha gran labor social.
Preto de 600 persoas son atendidas nas diferentes instalacións de Príncipe Felipe, como a Unidade de Primeira Acollida, o Centro Agarimo; a Escola-Fogar, o Centro Infantil; a gardería; o CEIP ou o Colexio de Educación Especial.
PROMOCIÓN DO EMPREGO
Outra das liñas básicas de actuación da Administración Provincial é a promoción do emprego na provincia, dado que son moitas as familias que nestes momentos teñen a todos os seus membros en paro. Nesta liña, programas como Aquelando II, Actívate ou Pensa en Ti, así como o obradoiro de emprego Mobilia, supoñen un gran apoio á hora de facilitar o acceso ao mercado laboral a numerosas persoas.
Rafael Louzán comprometeuse a seguir traballando nesta liña e a impulsar mecanismos de apoio ás entidades que cada día “desempeñan unha encomiable labor para paliar, na medida do posible, un problema tan serio como é o das carencias alimentarias das familias”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario