O BNG do Rosal solicita que se mellore a seguridade viaria diante da Gardería Municipal e da Escola de Pías
Recentemente estivo a punto de ocorrer un grave accidente
Infogauda / O Rosal
O Bloque Nacionalista Galego do Rosal, solicita das autoridades competentes a mellora na seguridade viaria diante da Gardería Municipal e na Escola de Pías.
Segundo Alberte Alonso Pereira, voceiro nacionalista, a estrada que vai dende A Mata a Pías, é moi transitada. “Á altura da Escola e da Gardería, a pesar de haber un paso de peóns sinalizado, os vehículos pasan a grande velocidade, pondo en perigo aos peóns, que na maioría dos casos son nenos e nenas, ou pais e nais dos mesmos que os van levar a escola”, explicou.
Do mesmo xeito indica que son moitos os pais e nais que se teñen preocupado pola situación, pois en definitiva, son seus fillos e fillas as que están en perigo.
Engade Alonso Pereira que recentemente, ocorreu un suceso que estivo a punto de concluír cun grave accidente. Consideran os nacionalistas que non se debería esperar a que ocorrera unha desgraza para actuar, polo que instarán ao concello a adoitar un acordo no sentido sinalado polo BNG.

Ningún comentario:
Publicar un comentario