12 de nov. de 2011

PEDORNES (OIA)

CONTINÚA A XXV SEMANA CULTURAL DE PEDORNES


Informa: Manuel A. Pombal / Pedornes


Resumo do venres día 11:

As actividades do venres comezaron con poucos participantes, xa que soamente foron 5 os nenos que decidiron debuxar e decorar a súa cara (e soamente un se decidiu polo puntillismo). O estreo do documental “Unha Balea nas Rochas”, sobre o varamento dun rorcual alibranco na costa de Viladesuso (concello de Oia) e producido por ANABAM, contou co seguimento dunhas 40 persoas que foron agasalladas cun exemplar da monografía de ANABAM titulada: Biodiversidade na zona intermareal do Baixo Miño.

No campionato de Chinchimoni participaron 22 persoas, mentres que á interesante conferencia impartida polo experto F. J. Costas Goberna titulada “Os petróglifos da costa de Oia” asistiron mais de 70 persoas.

Finalmente, unha fabulosa chocolatada (o chocolate estaba boísimo), deu remate á xornada.

Sábado día 12:

Hoxe sábado pola mañá realizaremos unha visita guiada por F. J. Costas Goberna polos principais petróglifos da parroquia de Pedornes, con saída ás 10.30 h dende o Centro Cultural. As predicións meteorolóxicas indican bastante vento, pero ausencia de precipitacións. Recoméndase, pois, traer roupa de abrigo, xa que a media ladeira soe ventear bastante.

Xa pola tarde, ás 17.00 h realizaremos o campionato do Xogo da Rá.

A partires das 19.00 haberá unha espectacular exhibición de Aerobic, Aerodance, Ritmos latinos, Lambada, Cardio fitball, e Step dance, realizada polas alumnas do Gimnasio Do-Majó de A Guarda. A continuación, comezará unha gran Festa do bocata (con prezos populares) amenizada polos grupos “Ventos do Valdarca”, de Santa María de Oia e “A Muruxeira”, de Pedornes.

Domingo día 13:

O domingo comezaremos con xogos variados a partir das 17.00 h.

Ás 18.30 haberá un concerto a cargo da Banda Infantil (coñecida como A Minibanda) da escola de música de Mougás. Remataremos a xornada coa representación da obra de teatro apta para todos os públicos, “Galicia miña nai” a cargo da compañía “O mellor de cada casa”. Cabe salientar que a compañía O mellor de cada casa está formada por preto de 20 actores e actrices, todos eles pertencentes ás parroquias de Viladesuso e Pedornes, dende cativos de 6 anos ata xubilados. Todos eles ensaian con gran dedicación todas as semanas baixo a dirección de Rosa María Otero. Esta vez preséntannos unha entretida obra que repasa a historia de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario