10 de nov. de 2011

PEDORNES (OIA)

XXV SEMANA CULTURAL DE PEDORNES




Informa: Manuel A. Pombal / Pedornes




Este é o resumo de hoxe e o programa para mañán da XXV Semana Cultural de Pedornes




Resumo do xoves día 10:




A tarde estaba un pouco revolta e, aínda que comezamos con sol, pronto se levantou algo de vento. Un pouco mais tarde do previsto (ás 17.20 h) principiamos co xogo da Cachiza ou Billarda. Semella que é un xogo que non chama a atención das mulleres porque non se apuntou ningunha. Tan só uns cantos mozos se atreveron a darlle á cachiza. Tratábase de aprender as normas e practicar, nembargante, a maioría adicouse a intentar darlle duro a cachiza, aínda que sen precisión; tanto é así que se perderon dúas que foron a parar ao medio do mato.


Pasadas as 19.30 comezamos co campionato de Parchís, contando un total de 29 participantes. Entre tanto, houbo partidas de tenis de mesa, de futbolín, de cartas, práctica cos zancos, os aros ou as carrilanas. Tamén se proxectaron varios vídeos e documentais.




Programa do venres día 11:


Hoxe venres principiaremos ás 17.00 h coa actividade Debuxa e decora a túa cara ou puntillismo, na que trataremos de que cada participante traballe coa imaxe da súa cara, utilizando a técnica que desexe. Logo, a iso das 18.30 estrearase o documental “Unha Balea nas Rochas”, producido por ANABAM, onde se trata o varamento dunha balea ou rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata) no porto de Sartaxes, na parroquia de Viladesuso (concello de Oia). Despois (19.00 h) realizaremos o campionato de Chinchimoni. De seguido, o estudoso e especialista F. J. Costas Goberna impartirá a conferencia titulada “Os petróglifos da costa de Oia”, centrándose nos espectaculares conxuntos de petróglifos existentes na ladeira atlántica da serra da Groba dentro dos límites da parroquia de Pedornes. Fará un percorrido polos conxuntos da Pousadela (onde destaca a Pedra dos Chetos), Alto do Morouzo (que inclúe a Pedra do cazador), e O Viveiro (co conxunto de A Xestosiña e Auga dos Cebros, entre outros), salientando neste último caso o conxunto de “Auga dos Cebros” no que se atopan os gravados de dous barcos de gran interese histórico por ser os únicos existentes no noroeste peninsular. Ademais, estes barcos son o eixo central do libro “Los barcos de los petroglifos de Oia” da autoría de F. J. Costas Goberna e A. de la Peña Santos que ven de ser editado pola “Autoridad Portuaria de Vigo” en colaboración co Instituto de Estudios Vigueses. Finalmente, remataremos a xornada cunha gran chocolatada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario