30 de nov. de 2011

A GUARDA

O pleno da Guarda aproba unha moción do BNG pola Tarxeta Sanitaria
“A moción dos nacionalistas saiu adiante co voto en contra do PP”
Infogauda / A Guarda


No pasado pleno ordinario de novembro o BNG presentou unha moción de urxencia ante os problemas que están a ocorrer coas Tarxetas Sanitarias.
Na moción presentada polo BNG ínstase á Xunta a restitución das todos os dereitos das persoas que foron prexudicadas polo Protocolo de traballo que a Consellería de Sanidade enviou aos centros de saúde, solicitando a reactivación das tarxetas anuladas, así como a retirada do devandito Protocolo.
Este protocolo é consecuencia da orde da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza que regula o dereito de acceso á asistencia sanitaria para as persoas sen recursos económicos suficientes e para as persoas desempregadas.
Segundo se indica no texto literal reproducido, as persoas afectadas só teñen dereito, previo compromiso de pago, á atención de urxencias e emerxencias, é dicir, perden o dereito á sanidade pública universal, fican sen médico/a de cabeceira, sen probas diagnósticas nin especialistas, non teñen, en definitiva, asistencia sanitaria completa. Estas persoas quedan tamén sen a asistencia farmacéutica até que volvan a ter todos os papeis en regra para volver estar de alta.
Todas as persoas afectadas terán a obriga de solicitar unha tarxeta de persoas sen recursos mais esa solicitude pode tardar en aprobarse entre oito e dez meses, polo que durante todo ese tempo permanecerán sen asistencia gratuíta.
Para o BNG esta orde está totalmente inxustificada, é inhumana e desoladora, xa que vulnera os dereitos básicos da cidadanía e rompe os principios de universalidade e equidade da Sanidade Pública.
“O grupo municipal do PP deberá explicar aos guardeses e as guardesas que están nesta situación tan precaria o seu voto en contra” afirmou Xan Lois Lomba portavoz municipal do BNG.
Para o BNG o goberno do PP na Xunta de Galiza, está a levar adiante unha serie de medidas que pretenden a privatización e o desmantelamento da sanidade pública no noso país como demostra a redución de persoal sanitario mediante a non cobertura de baixas e xubilacións, a redución de consultas e actividade nos quirófanos na quenda de tarde, o incremento dos concertos privados, a entrada de capital privado no financiamento dos novos hospitais ou o recorte de 237 millóns de euros no orzamento da sanidade pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario