28 de set. de 2011

PONTEVEDRA




Investiranse 862.000 euros e terá financiamento europeo do FEDER
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LIDERARÁ O PROXECTO TRANSFRONTEIRIZO PROAMARE QUE PORÁ EN VALOR O PATRIMONIO MARÍTIMO DE GALICIA E O NORTE DE PORTUGAL




Infogauda / Pontevedra





A Deputación de Pontevedra puxo en marcha un programa de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal para protexer e potenciar o patrimonio do mar chamado Proamare. O investimento total nesta iniciativa será de 862.000 euros, dos cales o 75% son financiados con fondos europeos do FEDER.
O proxecto consiste na creación e implantación dunha estratexia turístico-económica conxunta que poña en valor o patrimonio marítimo de Galicia e do Norte de Portugal. No proxecto, ademais da Deputación de Pontevedra, que é a beneficiaria principal da iniciativa, participan o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Fundaçâo Gil Eannes da rexión portuguesa do Minho Lima, a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima, e a Cámara Municipal de Caminha.
Rutas piloto e promoción
Proamare busca estimular a utilización e desfrute de modo sostible dos espazos mariños de Pontevedra e Norte de Portugal para potenciar a imaxe de destinos turísticos de calidade. Outros obxectivos son incrementar o número de visitantes á zona a través do estudo e implantación de rutas transfronteirizas e tamén contribuír a diversificar as economías locais das zonas costeiras da área beneficiaria.
Para logralo, o proxecto Proamare creará un rede transfronteiriza de intercambio de coñecementos sobre xestión do patrimonio marítimo, fomentará a participación activa da poboación costeira nese proceso de valorización do patrimonio, e catalogaranse e difundiranse os elementos que compoñen o patrimonio marítimo das zonas obxecto de actuación.
Tamén se analizarán a viabilidade de explotación de distintas rutas transfronteirizas e executaranse dúas rutas piloto de carácter demostrativo das cales unha será marítima e outra terrestre.
Dentro do mesmo programa levaranse a cabo un proxecto de promoción internacional do patrimonio marítimo e outro para rehabilitar elementos patrimoniais de alto valor, así como a mellora de accesibilidade nos portos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario