5 de ago. de 2011

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CONCEDERÁ Á BRILAT A MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA POLA SÚA LONGA RADICACIÓN EN PONTEVEDRA E A SÚA CONTRIBUCIÓN A DISTINTAS MISIÓNS DO ESTADO


Recoñecerá a traxectoria do escultor Manolo Paz de Cambados; de Aldeas Infantís; da Fundación Casa Ducal de Medinaceli (Pazo de Oca); do Club Balonmán Porriño e da Fundación Terras Gauda con mencións de honra
Infogauda / Pontevedra


A Deputación de Pontevedra concederá a Medalla de Ouro da provincia de Pontevedra á Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (BRILAT) Galicia VII. Con este galardón a entidade provincial pretende homenaxear á BRILAT pola súa longa radicación en Pontevedra e a súa contribución a distintas misións do Estado.
Así mesmo, o organismo provincial recoñecerá a traxectoria do escultor Manolo Paz de Cambados; de Aldeas Infantís Galicia SOS; da Fundación Casa Ducal de Medinaceli (Pazo de Oca); do Club Balonmán feminino de Porriño e da adega Terras Gauda, que recibirán mencións de honra. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 11 de agosto no Pazo Provincial.
Medalla de Ouro
A unidade de Infantería Lixeira do Exército de Terra de España participa, dende 1995, en misións e operacións multinacionais; desenvolve unha intensa labor implicación humana e social en Galicia e na provincia de Pontevedra, destacando a súa actuación na Operación Centinela para o control preventivo de incendios; así como a súa participación na limpeza da contaminación provocada polo Prestixe; o seu traballo nas inundacións de Padrón, as operacións de salvamento levadas a cabo con motivo dos embarrancamentos dos barcos Erkowit e Casón; ou as súas reiteradas intervencións con ocasión de desastres naturais e problemas sociais.
A entrega destas distincións foi instituída polo goberno da Deputación no ano 2005, dende entón, foron acredoras da medalla de ouro: Caixanova (2005); PSA Peugeot Citröen (2006); Pescanova ( 2007); Supermercados Fróiz (2008); a Escola Naval Militar de Marín (2009) e a CEP (2010).
Distinción no eido Cultural
No eido cultural, recibirá a mención de honra o escultor Cambadés Manolo Paz que está considerado como un dos escultores máis recoñecidos no panorama artístico galego. Paz naceu en Cambados no ano 1957. Entre 1978 e 1979 estudou en Santiago de Compostela, na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. En 1980, comezou a traballar como profesor de escultura na Escola de Canteiros de Poio, actividade que desenvolveu ata 1990. De 1992 a 1994, residiu e traballou en Nova York. Como material utiliza os distintos tipos de granito galego, ó que lle atribúe un carácter sacro e ritual, que traballa coa antiga técnica dos canteiros galegos.
En anos anteriores foron distinguidos nesta categoría: 2005 a Agrupación Cultural Duos Pontes; 2006 Francisco Leiro (escultor); 2007 Antón Lamazares (pintor); 2008 Alfonso Vilar Lamelas (escultor); 2009 Sancho Gracia (actor), e no 2010 Xosé Neira Vilas.
Labor social
Pola súa banda, Aldeas Infantís SOS Galicia será este 2011 a entidade acredora da distinción que se concede no campo da Labor Social máis destacada, neste caso a protección dos nenos con diversas problemáticas a través de casas de acollida, casas de familia e centros de día. Situada en San Martiño de Ventosela, a segunda aldea infantil que se creou en España está en Redondela. Esta distinción será unha homenaxe póstuma á súa fundadora, Rita Regojo.
En anos anteriores foron distinguidos nesta categoría: 2005 Fundación Proxecto Home; 2006 Club Amfiv de Vigo; 2007 Alecrín, Grupo de estudios sobre a condición da muller; 2008 Asociación Galega San Francisco; 2009 Asociación Amencer Aspace; e 2010 a Asociación Juan XXIII.
Turismo
Recibirá a distinción a Fundación Casa Ducal de Medinaceli (Pazo de Oca). Esta Fundación, aprobada por orde ministerial do 20 de Octubre de 1980, é institución cultural privada creada por vontade da Excma. Sra. Doña Victoria Eugenia Fernández de Córdoba e Fernández de Henestrosa, actual Duquesa de Medinaceli, co obxecto de conservar, restaurar, reintegrar, estudar, promover e difundir o patrimonio histórico tanto material como inmaterial vinculado, a través do tempo á súa Casa. A Fundación xestiona un patrimonio histórico-artístico disperso por casi toda España entre o que se atopa o Pazo de Oca de gran singularidade e trascendencia histórica, cultural e turística.
En anos anteriores foron distinguidos nesta categoría: 2005 Cooperativa Vitícola Martín Códax; 2006 Javier Solano Rodríguez-Losada, Fundación Mondariz-Balneario; 2007 Gran Hotel Balneario da Toxa; 2008 Parador de Turismo Conde de Gondomar, de Baiona; 2009 Ostreiras da Pedra, de Vigo; 2010; Palmira Moreira Alvarez, aloitadora da Rapa das Bestas de Sabucedo
Actividade deportiva destacada
No campo deportivo, recibirá a distinción o Club de Balonmán feminino de Porriño que ascendeu á División de Honor e foi o maior logro do deporte pontevedrés este ano. Begoña Fernández, pivot de este equipo, internacional por España que xoga agora no mellor equipo alemán de baloncesto e pasa por ser unha das mellores pivots do mundo.
En anos anteriores foron distinguidos nesta categoría: 2005 Alvaro Pino, ciclista; 2006 Cooperativa Loitamar; 2007 Santiago Sanmamed, presidente da Federación Española de Piraguismo; 2008 Alejandro Gómez Cabral, atleta; 2009 Club Baloncesto Celta Feminino; e 2010 Coruxo C.F. e Juan José García Cota (médico da Selección Española)
Categoría de Empresa
Finalmente, no campo empresarial recibirá a distinción da Deputación a adega Terras Gauda que preside Xosé Maria Fonseca Moretón. Fundada no ano
1990, momento no que se poñen en marcha plantacións propias, coa idea fixa de salvagardar a identidade do viño do Rosal. Desenvolve unha intensa labor de investigación e no eido comercial conseguiu introducir os seus produtos en Australia, República Dominicana, Polonia, India, Taiwán, Singapur, etc. Asemade, Terras Gauda forma parte da Fundación para a Cultura do Viño, que fomenta o consumo responsable e a elaboración dun viño de calidade.
En anos anteriores foron distinguidos nesta categoría: 2005 Florentino SA; 2006 Empresa de Mobles María Martínez; 2007 Asociación Galega de Graniteiros; 2008 Extrugasa-Grupo Quintá; 2009 Adega Condes de Albarei; e 2010 Pórtico S.A.

Ningún comentario:

Publicar un comentario