5 de ago. de 2011

OIA

O BNG de Oia chama a veciñanza a defender a sanidade pública no municipio

-O SERGAS non substitúe un médico de vacacións, deixando o Centro de Saúde ao 50% da súa capacidade.


-Esixen ao Concello de Oia un posicionamento público e que remita un escrito de queixa á Consellaría de Sanidade.


Miguel Giráldez, Portavoz do BNG de Oia

Infogauda / Oia


O BNG de Oia considera de extrema gravidade a redución de facultativos no seu Centro de Saúde ao 50%, que supón unha notable perda na calidade do servizo que toda Oia debe rexeitar: veciñanza e institucións. Se antes as citas eran outorgadas para 1 ou 2 días despois de seren pedidas, na actualidade xa se están a dar casos de atrasos de 9 días.
En palabras do concelleiro nacionalista, Miguel Giráldez, “se non reaccionamos perante estes primeiros avisos, a cousa pode ir a moito peor. Teñamos en conta que a sanidade é un servizo absolutamente básico, recoñecido mesmo na Declaración Universal dos Dereitos Humanos”.
O BNG de Oia inicia hoxe unha campaña chamando a veciñanza a achegarse ao Centro de Saúde para pór unha reclamación no formulario que o SERGAS dispoñibiliza ao efecto. Serán distribuídos carteis por todo o concello.
Os nacionalistas oienses esixirán por escrito, ademais, un posicionamento público do Concello de Oia, que debera ser a primeira liña de defensa institucional dos dereitos do pobo. Pedirán ao Sr. Alcalde, Alejandro Rodríguez, que remita coa maior urxencia un escrito á Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, denunciando o caso e revindicando a inmediata restitución do segundo facultativo para o Centro de Saúde.
Segundo declaracións de Miguel Giráldez, “non é certo que a corrección do déficit público esixa recortes. Pode corrixirse tamén arbitrando un sistema fiscal verdadeiramente progresivo e redistributivo que nos permita non só manter, senón avanzar no noso Estado do Benestar, que é un dos máis cativos de Europa. En todo o caso, non se pode tolerar que a corrección do déficit público sexa feita sacrificando servizos públicos básicos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario