19 de xul. de 2011

PALESTINA

Crónica 1







Ivan Prado / Palestina



Os sons do recordo:
Hai noites nas que Palestina soa coma unha canción dos antigos bardos, profunda e ensoñadora, afastada e emocionante, e outras noites nas que parece que o corazón che vai explotar de paixón escoitando os seus tambores e darbukas atrapando no tempo terra e oliveiras, costa e horizonte.
Hai noites nas que simplemente se pode sufrir o estrondo das sereas militares, as bucinas dos jeep, os motores das escavadoras que tomban casas e dereitos, as bombas cando caen e cando volven caer.
Por iso, a 1ª noite en Palestina, coa lúa repleta de recordos e promesas escoitando a festa do pobo de Nablus, as súas cancións e as súas músicas recórdanme por que estou aquí e agora, por que de novo regreso baixo bandeira clown nunha nave pirata no medio da tormenta. É na escuridade e co lume da memoria prendido que recordo as miñas noites en Gaza, baixo o silencio aterrador dos mísiles israelís, silencio que absorbe a vida ata deixala practicamente conxelada, antes de que o atronador final estale en miles de partículas de rabia e impotencia.
É escoitando a celebración dun pobo con terra pero sen Estado que recordo as balas trazadoras cruzando a fachada do hotel na franxa cosendo a fogonazos a fráxil vida dun pobo que cheira a mar pero que non pode tocalo.
É nas primeiras horas do meu regreso a Palestina que a noite e o seu implacable mandato me recordan que fai 8 anos abracei unha causa, a da humanidade enteira, en forma de cometa e campos de refuxiados co sabor dun fusil militar e do aroma que desprende a esperanza buscando a luz entre gretas de muros de terror e cárceres ao descuberto.
E pecho os ollos e vexo un Festiclown nunha cidade palestina liberada de exércitos onde os nenos non ensinan os restos da metralla nos seus delicados corpos senón sorrisos que raian a alma de arriba abaixo declarando aberta a festa e a vida.Iván prado.





Jerusalem, 18 de xullo (mal día para esquecer)

Ningún comentario:

Publicar un comentario