O CONCELLO DE TOMIÑO ESTREA EN GOIÁN O DOCUMENTAL "O ESPÍRITO DAS TRINCADEIRAS"
Esta película é unha homenaxe e recoñecemento ás importantes mobilizacións veciñais que tiveron lugar hai vinte anos en Goián en defensa do monte comunal.
O próximo domingo, dia 1 de maio, terá lugar no Auditorio Municipal de Goián a estrea do documental "O Espírito das Trincadeiras". Serán organizados dous pases, un ás 19:00 da tarde e un segundo ás 21:30 da noite e para asistir a eles é necesario presentar a entrada que se poderá recoller gratuitamente no Centro Goianés e no bar Avenida de Goián.A realización deste documental xurde por iniciativa do Concello de Tomiño e da súa vontade por recuperar e divulgar os acontecementos que tiveron lugar en 1990, cando a sociedade goianesa se uniu e organizou para defender o baldío comunal denominado "Trincadeiras" onde a administración do estado tiña previsto facer unha importante extracción de áridos que destruiría ese terreo de alto valor ambiental e paisaxístico situado á beira do Miño.
Esta película, levada a cabo tamén grazas ao apoio e colaboración da Comunidade de Montes de Goián reuniu materiais gráficos e audiovisuais daquela época e conta coa intervención dun grupo de persoas que participaron de maneira activa na organización e desenvolvemento das diferentes iniciativas populares que tiveron lugar en Goián, hai 20 anos, en defensa das Trincadeiras.
O documental "O Espiritu das Trincadeiras" pretende recuperar e divulgar unha das máis destacadas mobilizacións veciñais que tivo lugar na comarca do Baixo Miño nas últimas décadas, homenaxenado a todos as mulleres e homes que dalgunha ou outra maneira participaron nestes acontecementos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario