18 de mar. de 2011

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN PRESENTA O SEU PLAN CULTURAL PARA O 2011 NO QUE DESTINARÁ 600.000 EUROS A SUFRAGAR AS ACTIVIDADES DE 945 COLECTIVOS DA PROVINCIA


Nova Caixa Galicia colaborará con 200.000 euros nun programa que Louzán cualificou “de vital importancia para a pervivencia da nosa identidade”




Infogauda / Pontevedra


O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presentou no auditorio da Cidade Infantil de Príncipe Felipe o Plan Cultural da Deputación ante as entidades e asociacións da provincia. O organismo provincial destinará 600.000 euros a 945 agrupacións de todas as comarcas nas que participan máis de 30.000 persoas. A Deputación achegará 400.000 euros, mentres que outros 200.000 corréspondenlle a Nova Caixa Galicia.
En total serán subvencionadas 23 actividades diferentes, entre os cales hai 155 masas corais, 121 grupos folclóricos, 111 grupos de gaitas, 97 pandereteiras, 94 grupos de teatro, 73 bandas de música e outros grupos de animación infantil, baile moderno, ballet, cantoautores, humoristas, majorettes, maxia, grupos de pop-rock ou rondallas.
Por comarcas, serán 307 asociacións de Vigo, 125 do Baixo Miño e do Val Miñor, 130 de Arousa, 79 de Pontevedra, 49 do Deza, 90 do Condado-Paradanta, 53 de Louriña, 70 do Morrazo e 30 de Caldas.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou a importancia do Plan Cultural para a provincia. Segundo Louzán, “o obxectivo é impulsar e fomentar a cultura nas súas distintas expresións artísticas apoiando aos colectivos”.
Rafael Louzán lembrou que “estamos atravesando por tempos difíciles nos que tamén as administracións públicas dispoñemos de menos recursos. Non obstante, a nosa aposta pola Cultura é decidida e polo tanto non imos rebaixar o que destinamos as actividades e ás asociacións”.
O éxito do Plan queda reflectido no número de participantes que ano tras ano segue medrando entre un 5% e un 10%. No 2008 foron preto de 800 entidades adscritas ao Plan Cultural, no 2009 algo máis de 900 e no 2011 son xa 945, que están integradas por máis de 30.000 persoas.
Segundo Louzán, “o investimento en cultura é un dos mellor empregados por que é o que fai pervivir a identidade dos pobos e é a máxima expresión dos sentimentos”.

Acto en Príncipe Felipe
A presentación do acto tivo lugar no auditorio de Príncipe Felipe, ante un numeroso público pertencente a distintas asociacións culturais. No acto particparon o grupo Teatro do Mar de Sanxenxo, representado polos seus 31 alumnos, o mago-ilusionista Javier Muro de Pontevedra e o grupo de Cantadeiras Pandereteiras Aturuxo Pequeno tamén de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario