13 de mar. de 2011

A GUARDA

PILAR GARCÍA NEGRO ENSALZA Á FIGURA DE ROSALÍA DE CASTRO NO ACTO DA COMISIÓN DA MULLER DO BNG

O pasado venres a Comisión Comarcal da muller do BNG no Baixo Miño celebrou un acto conmemorativo polo Día Internacional da Muller no Centro Cultural da Guarda

Bloque Nacionalista Galego / A Guarda

O acto foi presentado por Hortensia García, Responsábel de Muller do BNG na Guarda, quen explicou a posición da organización nacionalista en materia de igualdade. “O BNG asume a loita pola igualdade como un compromiso democrático, imprescindíbel para avanzarmos cara unha sociedade xusta. Non é tolerábel que a metade da poboación sufra discriminacións e se limite o exercicio dos seus dereitos” manifestou. Durante a súa intervención tamén fixo referencia ás actuais políticas de igualdade da Xunta de Galiza: “Lamentabelmente, coa chegada do PP á Xunta de Galiza, estase aplicando un programa regresivo, con efectos negativos para os dereitos e as condicións de vida das mulleres.”

A continuación Pilar García Negro presentou ante o numeroso público asistente o seu libro “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo” que foi galardoado co premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010. Durante a súa exposición fixo un repaso da obra e biografía de Rosalía. Ofreceu unha visión da escritora alonxada dos tópicos e estereotipos habituais presentándoa como “inauguradora do ensaio na literatura galega contemporánea, comprometida con Galiza e primeira escritora defensora da conciencia de xénero no noso país”.

O acto rematou coa actuación do cantautor guardés Tino Baz e do grupo de pandereteiras Tambaluca.

O Grupo de Pandereteiras Tambaluca, de A Guarda, no decurso da súa actuación

Mulleres e homes ateigaron o salón de actos do centro Cultural e Social de A Guarda
Pilar García Negro, asinando libros da súa autoría, logo de rematar o acto orgaizado pola Comisión da Muller do BNG no Baixo Miño

Ningún comentario:

Publicar un comentario