17 de mar. de 2011

BAIXO MIÑO

O BNG DENUNCIA NO PARLAMENTO ESPAÑOL OS PROBLEMAS QUE XENERA O EMBALSE DE FREIRÍA NO RÍO MIÑO


As soltas masivas de auga provocan a mortandade de alevíns que incide notabelmente na supervivencia de determidas especies


Olaia Fernández Davila e Xosé Manuel Méndez reuníronse con membros da Asociación de Pescadores do Río Miño





Infogauda / Baixo Miño


A deputada do BNG Olaia Fernández Davila e o Responsábel Comarcal do BNG Xosé Manuel Méndez reuníronse hai uns días coa directiva da Asociación de Pescadores do Río Miño. Nesta reunión, entre outros temas, abordaron os problemas medioambientais que xenera a apertura brusca do encoro de Freiría.
A apertura das comportas do encoro de Freiría provoca dous fenómenos que poñen en perigo algunhas especies e como consecuencia ameaza a actividade pesqueira. Cando se abren as comportas de maneira brusca e sen contar cos ciclos das marés, por un lado dificúltase a incorporación ao río de especies que volven na pleamar e, por outro, os alevíns coa enchenta de golpe expándense hacia zonas de terra que non son capaces de abandonar cando o cauce diminúe, producíndose unha importante mortandade que incide notabelmente na supervivencia de determinadas especies.
Ademais dos efectos descritos, esas circustancias dificultan e imposibilitan a pesca, sobre todo de algunhas especies que precisan para a súa captura determinadas lúas. Se as soltas masivas de auga coinciden con esas circunstancias luares a pesca non é posíbel.
Segundo o BNG estes feitos son suficientemente claros para que o goberno do Estado actúe de xeito decidido sobre a empresa eléctrica que ten a concesión do encoro de Freiría e tome medidas que favorezan a protección do medio ambiente que ao mesmo tempo van incidir na protección da actividade económica que xenera o Río Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario