24 de mar. de 2011

ARBO

LOUZÁN E RIVERA INAUGURAN A ÁREA RECREATIVA DE SAN ANTONIO (ARBO) NA QUE A DEPUTACIÓN E O CONCELLO INVESTIRON 200.000 EUROS
As zonas verdes e unha gran pasarela peonil de madeira sobre un estanque con peixes protagonizan a nova imaxe deste espazo de ocio


O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Arbo, Manuel Rivera, inauguraron hoxe a Área Recreativa de San Antonio que foi remodelada e acondicionada a través dunha achega económica de 154.823,56 euros do Plan de Investimentos da Deputación (PID) e 50.000 de aportación municipal. A parcela esta situada nunha finca de 4.000 metros cadrados cedida pola Consellería de Política Territorial.
As zonas verdes con árbores autóctonos e céspede protagonizan a nova imaxe deste espazo de ocio e recreo xunto cunha gran pasarela de madeira que sobrevoa un amplo estanque no que se botarán peixes e patos.
Tamén se instalou na área de San Antonio un parque biosaudable que sumado ó parque infantil xa existente fai que conflúan neste lugar zonas para o disfrute e esparcimento de maiores e dos mais pequenos. Finalmente, dotouse ó lugar de mobiliario urbano (bancos e papeleiras).
Louzán aseverou que “Con esta actuación seguimos transformando o municipio de Arbo e toda a comarca nun lugar moderno, cómodo, e accesible. Unha vila do século XXI na que prima a calidade de vida dos veciños e a conservación do autóctono”. Así mesmo, o presidente da Deputación entende que con esta actuación a entidade provincial e o Concello conseguiron “o propósito de configurar un novo entorno para a convivencia, a integración que contribúa a xerar capital social”.

Louzán destacou tamén o carácter privilexiado do enclave, situado á beira do río Miño, e con vistas a Melgaço (Portugal).

A Deputación de Pontevedra está a investir no municipio de Arbo máis de 700.000 euros a través do PID no trienio 2009-2011. Con este orzamento desenvólvenes grandes proxectos “dirixidos a garantir a eficiencia e axilidade das necesidades colectivas e a igualdade na prestación de servizos tanto no rural como nas grandes cidades”, concluíu o presidente da Deputación, Rafael Louzán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario