31 de xul. de 2010

PONTEVEDRA

Louzán destaca que o PP afronta os comicios de 2011 con líderes sólidos, cunha boa canteira e cunha engranaxe electoral a pleno rendemento
Considera que, pola contra, os socialistas están a amosar unha “clara debilidade interna” que lles impide incluso concretar candidatos


· Louzán presentou en rolda de prensa aos que serán cabeza de lista do PP nas eleccións de 2011 en Cangas, A Estrada, Lalín, Marín, Ponteareas, Redondela e Vilagarcía
· Amósase convencido de que “en 2011 o PP será o partido de goberno nas grandes vilas e cidades da provincia”
· Os datos que baralla o PP provincial apuntan a que, se as eleccións municipais se celebrasen hoxe, os populares acadarían os 17 deputados, 3 máis que na actualidade

Infogauda / Pontevedra
O presidente provincial do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, confirmou hoxe aos que serán cabeza de lista do PP en 2011 nos concellos de Cangas, A Estrada, Lalín, Marín, Ponteareas, Redondela e Vilagarcía e subliñou que o PP pode afrontar con ilusión e confianza as eleccións de maio de 2011 porque “conta con líderes sólidos, cunha boa canteira e cunha engranaxe electoral a pleno rendemento”.
O líder provincial deu conta nunha rolda de prensa do acordo adoptado polo Comité Electoral Provincial encargado de propoñer aos candidatos dos concellos de máis de 20.000 habitantes, dos cales repiten José Enrique Sotelo Villar por Cangas, José Crespo Iglesias por Lalín, María Ramallo Vázquez por Marín, Salvador González Solla por Ponteareas e Tomás Fole Díaz por Vilagarcía. Como novas incorporacións en cabeza de cartel figura José Carlos López Campos na Estrada e Javier Bas Corugeira en Redondela.
Louzán incidiu en que se trata de “persoas plenamente preparadas e cunhas doses extraordinarias de ilusión, entrega e compromiso que nos dan esperanzas máis que fundadas de que en 2011 c algo que definiu como “o gran reto” dos populares nos próximos meses.
Neste sentido, incidiu en que “ao contrario do que está a suceder noutros partido”, o PP é un partido que está traballando con previsión e planificación”, cun calendario que se está a cumprir perfectamente e que outorga a tranquilidade que dá non ter que acudir á improvisación.
“Isto é posible porque temos a punto a nosa engranaxe interna, porque contamos cunhas agrupacións locais funcionando a pleno rendemento e, sobre todo, porque temos líderes sólidos e unha boa canteira”, incidiu.

DEBILIDADE INTERNA DO PSdeG
Fronte a esta fortaleza do PP, os socialistas “están amosar unha clara debilidade interna” que se manifesta de forma máis que evidente na súa incapacidade para designar candidatos e elaborar listas.
O presidente provincial situou neste contexto a parálise do PSdeG á hora de nomear candidatos e amosouse convencido de que, tras a perda da Xunta, os socialistas se atopan “nun momento de total descomposición” e de “carencia máis que evidente de líderes, xa non só no nivel local, senón tamén a nivel provincial e autonómico”.
Esta ausencia completa de equipo e de programa que lle permitan afrontar en positivo a campaña das municipais de 2011 é, a xuízo do presidente dos populares en Pontevedra, o que os ten levado a unha “estratexia de ataque e derribo” contra o PP que, en ocasións, bordea xa o “ridículo máis absoluto”.

OUTROS CANDIDATOS
A preguntas dos periodistas, en relación cos candidatos de outros concellos, o presidente provincial indicou que no caso de Gondomar e Mos, o comité electoral tomará a decisión no seu momento, posto que son concellos que non chegan aos 20.000 habitantes.
No caso de Gondomar, Rafael Louzán afirmou que hai 5 concelleiros na oposición e 12 concelleiros no Goberno local que están funcionando a pleno rendemento e que “hai, polo tanto, nestes momentos un goberno estable e sólido, que antes non houbo porque estaban en minoría”.
Rafael Louzán pregúntase cal vai ser a candidatura do partido socialista en Gondomar debido a que “os 4 concelleiros desa agrupación política firmaron no seu momento unha moción de censura para apoiar á forza máis votada, que foi o Partido Popular”.
O presidente dos populares adiantou que se vai producir un acordo entre as dúas forzas políticas maioritarias para que se poidan eludir as mocións de censura, aínda que considera que “hai casos clarísimos coma o de Gondomar que serían difíciles de evitar”. Louzán ve necesario este acordo e espera que se produza antes de finais de ano, aínda que preferiría que ese acordo chegara máis alá, e permitira que os partidos que ganan gobernen e os que perdan estean na oposición, ou en todo caso que houbera unha segunda volta”.
No caso de Poio, a falta da ratificación do Comité Electoral, considera que “Javier Domínguez ten opcións claras para converterse no próximo alcalde de Poio, xa que non hai dúbidas do seu liderado”.

DEPUTACIÓN PROVINCIAL
Nesta liña, Rafael Louzán afirma que os datos que baralla o PP provincial apuntan a que, se as eleccións municipais se celebrasen hoxe, os populares acadarían 17 deputados, 3 máis que na actualidade, o que ensancharía aínda máis a maioría absoluta coa que agora conta o Partido Popular”.Son datos diferentes aos que apuntan os socialistas, que “están habituados a dicir unha cousa cando a realidade é a contraria”, datos ficticios segundo o presidente popular que “non cre ninguén, pero que a eles lles axuda para darse autoestima e moral”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario