19 de abr. de 2010

TUI

O BNG demanda no Congreso melloras para a expedición do Carné de Identidade en Tui

A deputada do BNG no Congreso dos Deputados Olaia Fernández esixe máis meios técnicos e incremento de persoal para garantir en condicións dignas a expedición do Carné de Identidade

Infogauda / Tui
A expedición do carné de identidade en Tui apresenta numerosos problemas, o que está ocasionando grandes molestias aos veciños e veciñas do Baixo-Miño. A pesar das denuncias feitas no Congreso dos Deputados polo BNG no mes de abril do ano pasado, os problemas continuan sen que por parte do Ministerio do Interior se ofrecera unha solución satisfactoria. Nese sentido a deputada nacionalista denuncia a inexistencia de cita previa para solicitar o carné e que só se reparten 25 números por día por orde de chegada entre as persoas que fan cola desde as 5 da madrugada -ás veces desde antes- aínda que a oficina non abre ata ás 9 da maña e pecha ás 2 da tarde.

Denuncia tamén Olaia Fernández que non existe unha sala de espera o que obriga aos cidadáns a agardar en condicións terceiromundistas nas escaleiras as veces con nenos. Por último demanda unha solución urxente para dotar a comisaría de Tui dos medios técnicos e o persoal necesario para garantir en condicións dignas a expedición do Carné de identidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario