19 de abr. de 2010

BAIXO MIÑO

RAFAEL LOUZÁN VISITA CO CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, ÁS OBRAS DA VÍA DE ALTA CAPACIDADE TUI-A GUARDA, TRAMO DE TUI


Infogauda / Tui

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou hoxe que a Xunta de Galicia está a cumprir os compromisos asumidos coa Vía de Altas Prestacións Tui- A Guarda, que actualmente, ten os treitos I e III en fase de obras, e, ao mesmo tempo, retomou a alternativa sur para o trazado do segundo treito, enlace PO-350 (Areas-Tomiño)-enlace de Goián.


Destacou que a alternativa para o tramo dous desta infraestrutura implica unha menor ocupación do territorio, menor impacto ambiental e mellores prestacións para os usuarios. Recordou que dende mediados de marzo o proxecto de trazado da alternativa sur, e a súa comparativa coa alternativa norte, está sometido á información pública, polo que nos próximos días a Xunta disporá das alegacións realizadas, que pasará a analizar e estudar, pra dar continuidade á tramitación.

Hernández visitou esta tarde as obras que se están a realizar no tramo I, Tui (enlace A-55)- Tomiño (enlace PO-350) e no treito III, enlace de Goián- enlace A Guarda. Sinalou que a Xunta rematará en 2013 estes dous tramos e porá en servizo a totalidade da vía en 2015. Afirmou que o actual Xunta non é responsable do que fixo o bipartito con esta vía de alta capacidade, paralizando durante catro anos o tramo intermedio. "É incrible que quen non foi capaz de resolver un trazado en catro anos, agora pida explicacións", afirmou.o conselleiro avanzou que o tramo da VAP do Baixo Miño ata o enlace da ponte de Goián será autovía dende o primeiro momento, e solicitou a colaboración dos concellos para acadar o mellor trazado.
A VAC Tui-A Guarda está recollida dentro do Plan MOVE (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica), cun orzamento que supera os 200 millóns de euros e ten unha lonxitude de 24,5 quilómetros. Esta infraestrutura constituirá unha vía imprescindible para dar saída comercial as empresas emprazadas nos polígonos industriais dos concellos beneficiarios, xa que suporá unha mellor conexión coa Meseta e con Portugal. Potenciará ademais as comunicacións e o desenvolvemento da comarca, propiciará máis industria e a creación de novos postos de traballo, ademais de favorecer o transporte, mellorar a seguridade vial e aumentar a calidade de vida dos cidadáns. Ao remate das obras da VAC Tui-A Guarda, esta infraestrutura ofrecerá un servizo alternativo e mais seguro ao actual ramal da estrada A Guarda-Tui (PO-552).(Consultar mapa en descargar arquivo)
Treito I
As obras de construción do tramo Tui-Tomiño contan cun presuposto de 48,7 millóns de euros. A empresa encargada de levar a cabo as obras deste primeiro tramo é UTE Acciona Infraestruturas, S.A - Copasa. Os traballos de execución xa están iniciados cos primeiros movementos de terras, así como as labores de despexe e desbroce das superficies afectadas polas obras. Este treito ten a súa orixe no enlace de Tui sobre a autovía Vigo-Portugal (AG-55) e o remate no enlace coa estrada autonómica Areas-Tomiño (PO-350), polo que ten unha lonxitude de 3.900 metros. No proxecto deste ramal especifícase a ubicación de tres enlaces: no enlace coa autovía A-55 en Tui, deseñarase unha glorieta en estrutura sobre a autovía; o enlace coa estrada Forcadela-Areas (PO-552), para o que se modificará a intersección actual coa vía dispoñendo unha glorieta de 25 metros de radio; e o enlace coa estrada Tui-Tomiño, para o cal se proxectan dúas glorietas a ambas marxes do tronco da estrada unidas por un ramal bidireccional para permitir todos os movementos de entrada e saída ao viario en proxecto.
Treito III
O tramo Goián-A Guarda ten unha lonxitude de 10,15 quilómetros. As obras foron adxudicadas en xaneiro deste ano á UTE FFC-Atlántica, cun prazo de execución de 23 meses. Implica un orzamento de 57,9 millóns de euros.Na actualidade as obras céntrase no movemento de terras. O proxecto define a materialización de catro enlaces: Goián, Rosal, A Guarda este e un cuarto enlace na glorieta ubicada á altura do pk 9+300. Tamén será necesario construír dous falsos túneles, un viaduto e 8 pasos (5 superiores e 3 inferiores).
Treito II
En canto ao tramo II (Tomiño-Goián), o trazado da opción sur recupera a alternativa de 2005 que xa conta con declaración de impacto ambiental. Desenvólvese polo Concello de Tomiño, tendo a súa orixe no enlace coa PO-350. Esta alternativa discurre ao longo de 10 km ata o pq 14+300, onde enlaza co tramo 3 da VAC na glorieta de Goián.A comparativa entre ambas alternativas conclúe que a sur é a mais favorable, xa que presenta unha serie de vantaxes en canto a capacidade de tráfico, parámetros medioambientais ou rentabilidade para os usuarios.
No que respecta ao planeamento, as dúas alternativas discorren na súa totalidade dentro do termo municipal de Tomiño, concello regulado polo PXOM. Non obstante, resulta desfavorable a opción norte pola súa maior afección a solo rústico de protección ecolóxica e de zonas agrícolas. A vía descartada afecta a 400.000 m2 de solo rústico protexido fronte aos 175.000 m2 da opción sur. Así, en cifras totais, a alternativa norte incide sobre 930.000 m2 e a sur afecta a 730.000 m2, 200.000 m2 menos. Por outra parte, cabe citar que na alternativa norte, vense afectadas diversas edificacións no entorno do enlace coa PO-344 (Forcadela- Couso).En referencia ao tráfico, a alternativa sur é máis vantaxosa en canto á capacidade, presentando niveis sensiblemente mellores aos da norte. Este feito provocará que a opción norte presente mais problemas de tráfico. Así, en planta, ambos trazados son semellantes, ainda que a circulación pola alternativa sur resultará máis cómoda por contemplar parámetros máis uniformes. En alzado, a sur mostra un deseño mellor, xa que as pendentes máximas son do 3% fronte ao 5% da norte. Ademais, a permeabiliade transversal da alternativa sur é máis beneficiosa, xa que repón de forma directa case o 50% dos camiños interceptados pola traza fronte ao 30% da outra opción.Medio AmbienteEn relación aos aspectos medioambientais, a alternativa sur é claramente preferible á norte, especialmente na incidencia sobre as augas continentais e na permeabilidade faunística, onde a opción norte é manifestamente deficitaria.A Xunta de Galicia tamén considerou como puntos en contra da opción norte a incidencia directa desta sobre o xacemento arqueolóxico de O Castelo, discurrindo ao longo da súa área de cautela case 500 metros. Tamén afecta á área de protección integral do xacemento arqueolóxico das Torres, desenvolvéndose ao longo de preto de 500 metros no seu interior.
Investimento
A alternativa sur supón unha importante vantaxe en canto á rentabilidade das obras de cara aos usuarios, xa que presentan valores sensiblemente mellores aos da norte, entre eles un trazado mais curto para facer o mesmo percorrido. Non obstante, é preciso explicar que o custe económico da alternativa sur é un 22% máis elevado (102 millóns de euros fronte a 80) porque o orzamento está condicionado polos viadutos dispostos no LIC Baixo Miño co fin de acadar melloras medioambientais. Estas infraestruturas, que conlevan á consecución de vantaxes, supoñen máis do 51% do presuposto total da alternativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario