
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, reunida hoxe en Xunta de Goberno, aprobou as bases da nova edición do “Certame de Artes Plásticas-Novos Valores 2010”. O obxectivo deste concurso é fomentar dende a administración as actividades culturais, en xeral, e as manifestacións artísticas, en particular, mediante a concesión de 6 premios dotados con 6.000 euros cada un (36.000 € en total). O certame “Novos Valores” é un dos máis sobranceiros dos organizados polo Museo de Pontevedra xunto coa Bienal de Arte e os Premios á Investigación.
Participantes
Poderán participar neste certame, sen límite de idade, todos os artistas (pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas ou vídeocreadores) susceptibles de seren considerados novos valores, naturais ou residentes en Galicia, quedando excluídos os artistas xa premiados nalgunhas das anteriores edicións.
Obras e prazos
As obras deberán ser orixinais e nunca expostas. O prazo de recollida das mesmas estenderase desde o día 3 o día 11 de xuño do ano en curso. O lugar de presentación das pezas será o novo Edificio do Museo Provincial.
Xunto coa obra ou obras, os artistas entregarán, nun sobre pechado, unha fotocopia do seu DNI e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos. Este poderá ser recollido tanto no Servizo de Cultura da Deputación Provincial coma no Museo de Pontevedra.
Xurado
O xurado seleccionador estará composto polo titular da Corporación Provincial ou o deputado en quen delegue; o deputado-presidente da Comisión de Cultura; cinco persoas de recoñecidos prestixio nos campos da Crítica, das Artes ou da Historia da Arte; así como o secretario titular da Deputación ou o funcionario en quen delegue.
Este mesmo xurado serán o encargado de propor, de entre as obras inicialmente, seleccionadas, a adxudicación ós seus autores de seis axudas económicas para a ampliación dos seus estudos artísticos, por importe de 6.000 euros brutos cada unha (36.000 euros en total). Un destes premios levará o nome de José Fernández López e deberá recaer necesariamente nunha obra pictórica.
As persoas interesadas en obter máis información poderán consultar as bases do Certame Novos Valores na páxina web da Deputación www.depo.es.
Ningún comentario:
Publicar un comentario