20 de mar. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN REAFIRMA O SEU SÓLIDO COMPROMISO CO COMERCIO E O CONSUMO DA PROVINCIA MEDIANTE O VISTO BO DE DOUS NOVOS CONVENIOS DE COLABORACIÓN



Infogauda / Pontevedra
A Comisión Informativa de Recursos Externos, Promoción Económica, Emprego e Comercio da Deputación, reunida o pasado mércores 17, deulle o visto bo a varios convenios de colaboración destinados a mellorar os servizos de atención o cidadán en materia de consumo e fomentar o desenvolvemento do comercio retallista da provincia de Pontevedra.
Estas accións se suman ós numerosos proxectos iniciados pola entidade de cara a apoiar o comercio e o consumo na provincia. O comercio é un dos sectores que máis empregos xera (preto do 50%), e ademais, ten unha incidencia directa sobre o turismo e o desenvolvemento dos pobos e cidades. Tan só na provincia de Pontevedra existen preto de 14.000 establecementos. De aquí, entende a Deputación a necesidade de traballar cóbado con cóbado cos comerciantes e consumidores para evitar o peche de comercios e o aumento do paro.
Consciente de que o sector comercial viuse especialmente afectado pola crise actual, as liñas básicas de axudas da institución provincial, son catro: o apoio á creación e consolidación dos Centro Comerciais Abertos, a formación e cualificación do sector comercial, a colaboración cos concellos e a posta en valor, rehabilitación e pedonalización dos centros urbáns.
Dentro destas directrices xerais algunhas das iniciativas concretas que a Deputación está a levar a cabo son: apoio a centros comerciais urbáns e asociacións, a introducción no sector de novas tecnoloxías (foros en Cambados e Tui, xornadas técnicas en Gondomar, Sanxenxo, Pontevedra...), edición de guías comerciais, apoio o comercio minorista (Plan Director do Comercio 2009-2012), apoio ás cámaras e os concellos, captación de financiamento externo (proxecto Mercurio, financiado con 2,5 millóns de euros; Observatorio de Comercio, que permitiu detectar os principais problemas do sector a través de enquisas realizadas en preto de 1.500 establecementos...), ou creación, por vez primeira, dunha Área de Comercio dentro da propia Deputación que so no último ano puxo en marcha iniciativas como: “Programa Comercia”, de asesoramento técnico a asociacións; o plan “Á túa Medida”, no que un experto en Merchandising se despraza ós comercios para impartir formación in situ; o programa “Falemos de Comercio”, con xornadas de difusión de experiencias de éxito e de boas prácticas no pequeno comercio; as Liñas d Axuda para a innovación, promoción, dinamización e cooperación comercial de asociacións e particulares; ou os “Premios Provinciais do Pequeno Comercio” para premiar e dar continuidade ó modelo do pequeno comercio da nosa provincia.
Atención o cidadán en materia de consumo
O convenio que neste caso recibiu o visto bo da Comisión Informativa da Deputación é un acordo de colaboración que a entidade provincial establece co Instituto Galego de Consumo para, xuntos, levar a cabo o proxecto de “Desenvolvemento e mellorar dos servizos de atención e información o cidadán, así como de formación e difusión en materia de consumo na provincia de Pontevedra”. Este novo acordo establece as directrices xerais que rexerán as actuacións comúns de ambas entidades de cara ó futuro.
O obxectivo principal deste convenio é, como o seu nome indica, seguir mellorando os servizos de atención e información ós consumidores, usuarios e empresarios da provincia a través dunha serie de accións, tales como: o reforzo da colaboración coa inspección de consumo, especialmente na transmisión de información e detección de produtos inseguros; mellorar a información, formación e asesoramento dos consumidores e usuarios; derivación de reclamacións; fomentar o establecemento de canles de resolución de conflitos que poidan xurdir; prestar apoio ós concellos nas súas funcións de defensa dos consumidores; e, por último, achegar o Sistema Arbitral de Consumo aos consumidores e empresarios da provincia.
Desenvolvemento do comercio retallista
Este acordo, pola súa banda, establécese entre a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, e a Deputación provincial. O obxectivo do mesmo é fomentar o desenvolvemento dunha rede de dinamización do comercio retallista, eixe fundamental e enriquecedor da economía da provincia de Pontevedra. Esta rede, denominada “RE-DIC”, xurde para dar resposta aos obxectivos recollidos no Plan ÁGORA, Agora Re-comercia 2010-2013.
Para a execución e chegada a bo porto do proxecto, ambas as dúas administracións centrarán o seu traballo común en accións como: a coordinación das políticas autonómicas e locais na provincia de Pontevedra; a mellora do asesoramento dos comerciantes; a dinamización do comercio; a posta de acordo con axentes de dinamización comercial localizados no territorio; e, por último e a modo de resumo, o desenvolvemento da Rede de Dinamización Comercial (RE-DIC).

Ningún comentario:

Publicar un comentario