8 de mar. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ABRE A CONVOCATORIA DUNHA BOLSA DE ENXEÑEIRO TÉCNICO AGRÍCOLA OU FORESTAL CON DESTINO A AREEIRO


Infogauda / Pontevedra
A Deputación Provincial de Pontevedra abriu hoxe a convocatoria dunha bolsa, por concurso de méritos, que ten por obxecto o desempeño durante un ano de tarefas na Área de Fruticultura e Ornamentais na Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que dela depende. Esta, cunha dotación económica de 1.200 €/mes, vai destinada a enxeñeiros/as técnicos agrícolas ou forestais.
Os traballos a desempeñar consistirán na realización de mostraxes en campo, seguimento fenolóxico, detección de patóxenos, seguimento da colleita e adaptación de técnicas de cultivo, así como a preparación de mostras para a súa análise no laboratorio. Todos estes seguimentos efectuaranse en plantacións de Kiwi, maceira e vide. A bolsa terá unha duración de un ano con posibilidade de prórroga por un ano máis.
Aspirantes
Os aspirantes a esta bolsa deberán cumprir os seguintes requisitos: posuír a nacionalidade española ou ser nacionais dun dos países membros da Unión Europea, ter conseguido o título de Enxeñeiro Técnico Agrícola ou Forestal (ou estar en condicións de obtelo antes do remate do prazo de presentación de instancias) e non ter cumpridos os 35 anos.
Datas e documentación a presentar
Os interesados deben presentar no rexistro xeral da Corporación Provincial, antes do 19 de marzo, unha instancia solicitando tomar parte no concurso. A esta deberanse axuntar a seguinte documentación: fotocopia do DNI, documento acreditativo de estar en posesión da titulación esixida, certificado do expediente académico, Currículum vitae, meritos relacionados coa actividade (debidamente acreditados), declaración xurada de renuncia a calquera actividade remunerada durante o tempo que goce da bolsa e certificado que acredite non estar incapacitado fisicamente ou padecer calquera enfermidade que poida impedir o desenvolvemento da actividade en cuestión.

Criterios de selección
A selección do bolseiro efectuarase tendo en conta: dun lado o expediente académico (4 puntos), doutro a experiencia laboral relacionada coa materia (3 puntos), e tamén a entrevista persoal (3 puntos) que se lle realizará a todos os admitidos. O listado de admitidos sairá publicado na páxina web da Deputación, onde se incluirá a baremación dos méritos achegados e a data e hora de celebración da entrevista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario