4 de mar. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA ACOMETER 9 PROXECTOS EN SERVIZOS MUNICIPAIS DAS COMARCAS DE LOURIÑA E BAIXO MIÑO




Con estas achegas, que se enmarcan dentro do Plan Provincial de Cooperación, se iniciarán diferentes actuacións no alumeado, parques, centros sociais, abastecemento de augas, pavimentación de rúas…etc.

Infogauda / Pontevedra

A Deputación de Pontevedra achegará 580.800,77 euros do seu Plan de Cooperación Provincial ás comarcas de Louriña (198.534,71 €) e Baixo Miño (382.266,06 €). O obxectivo desta iniciativa é reducir os déficits existentes nos servizos obrigatorios municipais destas e das demais zonas da provincia. Os beneficiarios, neste caso todos os municipios das citadas comarcas (Mos e O Porriño, por parte da comarca de Louriña, e Tui, Tomiño, O Rosal, Oia e A Guarda, no que se refire ó Baixo Miño), acollerán a execución das diferentes iniciativas proxectadas pola Deputación para este plan.
Os proxectos que se van acometer na comarca de Louriña son: en O Porriño procederase ó saneamento da zona de Eidos – A Rotea, en Budiño, cun investimento provincial que ascende a 92.567,90 €; en canto a Mos, a Deputación achegará o municipio mosense 105.966,81 € para acometer dous accións: a construción dunha área recreativa no entorno do paseo do río Louro (73.898,37 €) e a mellora no abastecemento de auga na zona de Sanguiñeda (32.068,44 €).
Pola súa banda, na comarca de Baixo Miño as actuacións do Plan de Cooperación da Deputación serán as seguintes: en Tui acometeranse dous proxectos que requirirán un investimento provincial de 94.660,77 €: o saneamento do porto de Bouzas, en Ribadelouro, (42.144,06 €) e a construción dos accesos que van dende Torre ata Cigueñeiras e de Pombal a Sobredo, en Guillarei (52.516,71 €); en Tomiño, 98.119,93 € servirán para pavimentar o camiño número 19 en Santa María de Tebra; O Rosal recibirá 60.839 € das arcas provinciais para a instalación do alumeado público na parroquia de Santa Marina; 66.348,80 € é a contía que a Deputación achegará a Oia para proceder ó saneamento e á pavimentación do camiño das Escubelas, en Mougás; por último, o municipio de A Guarda destinará os 62.297,03 € procedentes do Plan de Cooperación tamén ó saneamento e pavimentación das rúas Rosal, Fontiñas e a zona do paseo marítimo.


Plan Provincial de Cooperación
Estas accións aprobáronse no Pleno da Deputación, reunido o pasado venres día 26 de febreiro, onde se resolveu favorablemente a aprobación do Plan Provincial de Cooperación (PPC) ás obras e servizos de competencia municipal e de carreteiras cun investimento global de 6 millóns de euros. Este proxecto, cofinanciado entre a Deputación (30%), os concellos (30%) e o Estado (40%), persegue o dobre obxectivo de, por un lado, reducir os déficits existentes nos servizos municipais da provincia, e doutro, lograr a mellora e conservación da rede viaria de titularidade da Deputación (subvencións que agora se integran no citado plan e cuxa inversión non supera o 30% da subvención asignada globalmente ó PPC).
Deste xeito, son obxectivos directos deste plan as actuacións en eidos como: alumeado público, infraestruturas en saneamentos, accesos a núcleos, abastecemento de augas e pavimentación das vías públicas, prevención e extinción de incendios, parques, centros sociais, entre outros.
A distribución das subvencións cifrouse en base a un módulo fixo, igual para todos os concellos, de 30.000 €, e outro módulo proporcional por aplicación do índice medio deducido do número de habitantes e a extensión territorial de cada termo municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario