3 de mar. de 2010

A GUARDA



O abaixo asinante José Antonio González Morais, representante do Grupo Municipal de Esquerda Unida, no Baixo Minho, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte, MOCIÓN

8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

XUSTIFICACIÓN
Neste 8 de marzo seguimos a defender que as iniciativas políticas e lexislativas deben dirixirse a todos e cada un dos aspectos estruturais de discriminación e violencia que aínda están a persistir e que deben abordarse con medidas preventivas e transversais, baseadas prioritariamente no obxectivo de modificar os valores sociais que aínda permiten e potencian as situacións de desigualdade entre mulleres e homes. A conciliación entre a vida laboral e familiar, de momento é, igualmente, unha expectativa. Os homes seguen sen compartir equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas. Para que isto suceda, non só son necesarias leis que o regulen, tamén, e moito máis importante, crear unha conciencia social de igualdade que transforme a cultura patriarcal e sexista nunha sociedade igualitaria. A repercusión que ten a crise no mercado laboral, neste caso nas mulleres, é cada día máis alarmante. A xa permanente precariedade, a desigualdade salarial, e a discriminación por razón de sexo ou polo estado civil das mulleres, que condiciona o acceso ó emprego e ós traballos estables, agora máis que nunca está patente en todos os contratos que se lle fan ás mulleres. O risco máis temible para as mulleres, nunha situación de crise da gravidade da actual, a precariedade nas condicións de incorporación ao mercado laboral, o retroceso na taxa de actividade (xa de por si baixa), e o retorno de moitas ás tarefas do fogar e ós coidados familiares, é que pode producir unha involución sen precedentes cara os máis vellos "roles" patriarcais que estamos a combater. Por outra banda, os alarmantes índices de pobreza, que afectan con maior rigor ás mulleres emigrantes, máis desprotexidas, e as mulleres maiores, con pensións mínimas ou non contributivas que non son quen de cubrir as súas necesidades máis básicas, fan máis premíante aínda o reforzamento do Estado Social e dos sistemas de protección.
O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, é data propicia para que este Concello amose a súa verdadeira vontade de ponher as bases reais, para que a igualdade das mulleres sexa un feito e non unha mera aspiración cunha serie de medidas destinadas a unha transformación real da nosa sociedade, onde as mulleres sexamos cidadás en plenitude de dereitos.
Por todo o exposto o Consello Local de A Guarda propón ao Pleno da Corporación que todas as medidas que se adopten ao respecto, sexan vinculantes e se doten de recursos materiais e persoais e normas complementarias que fagan efectivo o seu cumprimento e avaliación, en base aos seguintes

ACORDOS

O compromiso político de traballar para xerar unha cidade de suxeitos iguais en dereitos e obrigas, empregando os medios legais existentes e posibilitando os canles para que mulleres e homes tenhan as mesmas posibilidades de desenvolvemento:
1. Implantando e desenvolvendo accións e programas que fomenten a sensibilización e a igualdade real entre mulleres e homes.
2. Elaborando un Plan de Igualdade con caracter transversal, no que se impliquen todas as áreas municipais. Con dotación de orzamento e avaliación anual da súa execución e desenvolvemento.
3. Desenvolvemento neste Concello dun Plan de Igualdade para as traballadoras e traballadores desta entidade.
4. Compromiso de aumento orzamentario para as políticas de igualdade de xénero, tendo que acadar polo menos un 5% nos vindeiros 4 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario