11 de feb. de 2010

OURENSE

OLGA REINOSO INAUGURA A SÚA MOSTRA “O VALOR DO COTIÁN”


A pintora Olga Reinoso inaugura hoxe, xoves, día 11 de febreiro, no Centro Cultural da Deputación, ás 20:00 horas, a súa mostra “O valor do cotián”, onde expón unha serie de bodegóns marcados polo seu carácter hiperrealista.

Infogauda / Ourense
A obra que avala a rúbrica de Olga Reinoso sempre concita interese, porque a pintora, cunha longa bagaxe propia, sabe sorprender coa súa capacidade para expresa-las súas proposicións mediante unha linguaxe deliberadamente sinxela e precisa que transmite proximidade.Esta suxestiva exposición amósasenos como un dos seus traballos máis significativos, porque a artista, esixente co oficio, non dubidou en enriquecela con novos matices e revisar algúns conceptos. Todo sen renunciar ás súas reflexións máis íntimas e sen perder esa mirada tan propia da que sempre fixo gala.Hoxe, a pintura de Olga Reinoso volve destacar porque nela non descoida ningún aspecto para conformar unha mostra rica e fecunda. As súas fontes non son outras que as propias conviccións mantidas ó longo da súa traxectoria artística. Non sorprende, pois, que preferira apostar por unha realidade visual na que cada obxecto é descrito con esmero ata no máis pequeno detalle. A súa inspiración xurde do contacto coa inmediatez cotiá das cousas. Nesta ocasión elixe o bodegón como única temática, compoñendo un conxunto de obras atractivo que pon de manifesto non só a súa capacidade compositiva, senón tamén a súa fascinación pola forma. A isto úneselle a súa sensibilidade para obter diversas gradacións cromáticas que en ocasiones exaltan a luminosidade das froitas e as teas, mentres que noutras temperan o contraste entre os obxectos que destacan case de maneira escultórica e os seus fondos máis neutros.Unha vez máis utilizou con pericia os seus rexistros pictóricos para seducirnos coa súa persoal aproximación a unha singular visión do cotián construído con fragmentos que poñen de manifesto a súa versatilidade para crear un amplo catálogo cheo de sutilezas. Así, logrou que a súa concepción naturalista reforzada pola fusión de elementos formais e coloristas se converta nunha homenaxe pictórica viva ó que outros chaman “natureza morta”.
Mercedes Gallego Esperanza

Ningún comentario:

Publicar un comentario