23 de feb. de 2010

INTERNACIONAL

Os pobos indíxenas loitan por sobrevivir en Colombia



Amnistía Internacional / Londres
Amnistía Internacional denunciou hoxe martes un aumento dos ataques contra os indíxenas ao longo e ancho de Colombia durante 2009, o que fixo que moitas comunidades estean a loitar para sobrevivir.

A organización culpou aos grupos guerrilleiros, ás forzas de seguridade e aos grupos paramilitares dos abusos, que inclúen homicidios, desaparicións forzosas e secuestros, ameazas, abusos sexuais contra mulleres, recrutamento de nenos e nenas soldados, desprazamento forzoso e persecución de dirixentes indíxenas.

“Os indíxenas sofren cada vez máis ataques en Colombia —afirmou Marcelo Pollack, investigador sobre Colombia en Amnistía Internacional—. Están sendo asasinados e ameazados, estáselles obrigando a participar no conflito armado e estáselles botando das súas terras.”

“Xa é hora de que o goberno colombiano asuma seriamente as súas obrigas e actúe de inmediato para protexer aos pobos indíxenas.”

Segundo cifras da Organización Nacional Indíxena de Colombia, polo menos 114 mulleres, homes e nenos indíxenas foron vítimas de homicidios e miles foron vítimas de desprazamento forzoso soamente en 2009.

Amnistía Internacional tamén declarou que as autoridades rara vez investigan os crimes que se cometen contra os indíxenas.

Miles de indíxenas víronse obrigados a desprazarse das súas terras porque acostuman vivir en zonas de intenso conflito militar e ricas en biodiversidade, minerais e petróleo. Moitas comunidades indíxenas máis non puideron saír dos seus territorios porque os grupos armados sementaran minas terrestres nas zonas adxacentes.

As partes do conflito tamén bloquearon o acceso á comida e a medicamentos esenciais, afirmando de cotío que estes subministros están destinados ao inimigo. Todas as partes do conflito ocuparon escolas e usáronas coma bases militares, mentres os mestres seguen sendo vulnerables aos ataques físicos, o que impide ás comunidades indíxenas ter acceso á educación.

“A menos que as autoridades actúen con rapidez para protexer aos pobos indíxenas en Colombia, existe un risco real de que moitos desaparezan”, manifestou Marcelo Pollack.

Os indíxenas Awá víronse especialmente afectados en 2009 e máis da metade dos indíxenas vítimas de homicidio durante ese año pertencían a este pobo.

Os Awá son propietarios colectivamente das terras e os ríos do resgardo (reserva indíxena) de El Gran Rosario, no municipio de Tumaco, pertencente ao departamento suroccidental de Nariño.

Viven nunha zona de importancia estratéxica para as partes en conflito na que actúan a guerrilla das FARC e o ELN, grupos paramilitares e bandas de narcotraficantes, ademais das forzas de seguridade colombianas.

Ás 5 da mañá do 26 de agosto de 2009, homes con uniformes militares, armados e carapuchados atacaron a comunidade de El Gran Rosario, mataron a 12 Awá, entre os que había seis nenos e nenas e un bebé de oito meses, e deixaron feridos a algúns máis. Entre as persoas mortas estaban Tulia García e os seus fillos. O 23 de maio de 2009, Tulia García fóra testemuña do homicidio do seu esposo, Gonzalo Rodríguez, a mans de soldados das forzas armadas, e posteriormente recibira ameazas.

Tras a masacre de agosto, 300 Awá, entre os que había 100 nenos e nenas, abandonaron as súas casas, bens e medios de vida e fuxiron a Tumaco. Semanas despois da súa chegada continuaban vivindo en refuxios que eles mesmos construíran ou durmindo á intemperie. Os alimentos e a auga eran escasos e non había instalacións de saneamento.

O 4 de febreiro de 2009, as FARC mataron a 15 Awá, entre elas dúas mulleres preñadas, no municipio de Barbacoas, departamento de Nariño.

Amnistía Internacional pediu aos que participan no conflito, incluídos os grupos guerrilleiros e as forzas de seguridade colombianas, que respecten os dereitos dos pobos indíxenas a non seren arrastrados ás hostilidades e que respecten os territorios nos que viven e dos que depende a súa subsistencia.

Os 40 anos de conflito armado de Colombia afectaron a millóns de persoas en todo o país, deixando un saldo de decenas de miles de mortos, torturados e vítimas de desaparición forzosa. A inmensa maioría das vítimas son civís.

DATOS E CIFRAS POBOS INDÍXENAS COLOMBIA

Pobos indíxenas en Colombia
En Colombia viven case 1,4 millóns de indíxenas, que representan ó redor do 3,4 por cento da poboación do país (censo 2005).

· A poboación indíxena de Colombia pertence a 85 pobos indíxenas diferentes (censo 2005). Segundo a Organización Nacional Indíxena de Colombia (ONIC) son 102 pobos.

A maioría dos indíxenas vive en zonas ricas en recursos naturais.

Nos departamentos de Guainía, Vaupés, La Guajira, Amazonas e Vichada, os indíxenas constitúen case a metade da poboación (ONIC, 2009).

Os representantes indíxenas afirman que gran parte das terras que se lles asignaron son inapropiadas. Por exemplo, menos do 8 por cento das terras das reservas son aptas para a agricultura.

Ó redor de 445.000 indíxenas viven fóra das reservas e os seus dereitos colectivos sobre as terras onde viven carecen de recoñecemento oficial (Ministerio de Estatística de Colombia, 2007).

Abusos contra os dereitos humanos dos pobos indíxenas
A supervivencia de 32 grupos indíxenas corre grave perigo como consecuencia do conflito armado, proxectos económicos a gran escala e a ausencia de apoio do Estado (ONIC, 2009).

Máis de 1.400 homes, mulleres e nenos indíxenas morreron como consecuencia do conflito entre 2002 e 2009 (ONIC, 2009).

Entre 2002 e 2009, 90 indíxenas foron secuestrados e 195 foron vítimas de desaparición forzosa, mentres que houbo 4.700 ameazas colectivas (ONIC, 2009).

Polo menos 114 mulleres, homes e nenos indíxenas perderon a vida e miles sufriron desprazamento forzado soamente en 2009 (ONIC, 2009).

Aínda que os indíxenas só constitúen ó redor do 3,4 por cento da poboación, representan o 7 por cento da poboación desprazada total de Colombia (director da Oficina en Colombia do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos).

Existen grandes disparidades en materia de saúde entre a poboación xeral e as comunidades indíxenas e afrodescendentes. No ámbito nacional, morren 73 mulleres por complicacións relacionadas có embarazo por cada 100.000 nacementos. Pero nos departamentos que contan cunha porcentaxe elevada de habitantes indíxenas e afrodescendentes, como Guianía, a cifra elévase a 386 mulleres falecidas por cada 100.000 nacementos (director da Oficina en Colombia do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos).

Ningún comentario:

Publicar un comentario