24 de feb. de 2010

A DEPUTACIÓN PRESENTA O NOVO MATASELOS CONMEMORATIVO DA CAMELIA, QUE SERÁ UTILIZADO POR CORREOS OS DÍAS 27 E 28 DE FEBREIRO



Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, á sombra do “XLVI Concurso Exposición Internacional da Camelia”, creou de novo este ano o mataselos especial que conmemora o evento. Con isto, a entidade provincial pretende que en paralelo ó evento cultural, xorda un evento filatélico que plasme para a posteridade cada unha das exposicións. Esta iniciativa conta co apoio de Correos e Telégrafos, polo que o mataselos que mostra a flor emblema das Rías Baixas verase utilizando no cuñado de cartas os dous días que dura a exposición, 27 e 28 de febreiro.
Na actualidade o conxunto de todos os mataselos que se veñen editando ano tras ano co gallo do “Concurso Exposición Internacional da Camelia” xa forman unha mostra temática moi importante que coleccionan moitas persoas amantes das flores, sobre todo, da camelia, sexan ou non coleccionistas filatélicos. Por isto, para esta nova edición do certame, que xa alcanza a súa XLVI edición, a Deputación, en colaboración co Grupo Filatélico de Pontevedra, quixo manter viva esta usanza convertida xa case en tradición.
No propio concurso, que terá lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (sito na rúa Padre Amoedo, nº3 de Pontevedra), haberá un apartado dedicado á filatélica de tema floral. Entre as colección que se exhiben destaca unha titulada “Postais con Flores”, que data do século XIX.
O mataselos especial estará funcionando os días da exposición: o 27 de febreiro, durante todo o tempo que a mostra estea aberta ó público; e o 28, domingo, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario