18 de xan. de 2010

SALCEDA DE CASELAS

LOUZÁN COMPROMÉTESE A AXILIZAR A DOTACIÓN DE CÉSPEDE ARTIFICIAL DO CAMPO DE PENEDO REDONDO, EN SALCEDA, ANTE A FALTA DE VONTADE DO ALCALDE



O presidente provincial reuniuse esta mañá con concelleiros populares
Infogauda / Salceda de Caselas
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, reuniuse esta mañá con representantes populares do concello de Salceda de Caselas, Santiago Rodríguez, Lupe González e José Estévez, para coñecer a situación do campo de fútbol de Penedo Redondo, pendente da construción de graderíos por parte do concello para acometer as obras de instalación de herba artificial.
O popular Santiago Rodríguez, que actuou de voceiro nesta xuntanza, declarou que “dende o partido popular de Salceda solicitámoslle o presidente que, independentemente de que dende o concello non se estea a cumprir co acordado no protocolo de colaboración para a instalación de herba artificial, se acometa a instalación, aínda que o concello se negue a facer o graderío que é a parte que falta por cumprir do convenio”.
Neste sentido, o concelleiro de Salceda explicou que “o concello debía acometer a obra civil, consistente no peche, os vestiarios, o alumeado e máis o graderío. Fixeron as tres cousas pero falta o máis importante. Entón, e en vista de que non hai vontade por parte do alcalde para facelo, somos conscientes de que, por encima dos intereses do concello está os dos veciños de Salceda e especialmente os dos rapaces que están xogando alí, por iso pedímoslle a Louzán que non tivera en conta a actitude negativa do concello e que leve a cabo igualmente a instalación de herba”
Louzán pola súa banda entende que “é unha situación excepcional” e que “aínda que o alcalde non entenda que o deporte é unha prioridade vaise facer esta instalación, a pesar de todo. En vindeiras datas reunireime con el no propio campo para revisar o estado das instalacións”.
Os concelleiros transmitiron tamén ó presidente provincial o malestar dos país dos nenos que xogan alí, “xa que levan máis de dous anos e medio, case tres anos, agardando polas instalacións, desde que se firmou o convenio”, para concluír que “por parte do goberno local hai unha deixadez total. Se non fora así, o campo hai tempo que estaría rematado”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario