20 de xan. de 2010

BAIXO MIÑO

GALIZA NOVA CUALIFICA DE BURLA AO POBO GALEGO O DECRETO DO PP
As mocidades do BNG chaman ao estudantado a secundar a folga xeral no ensino e anuncian “a loita contra o decreto só rematará cando a Xunta o retire”.

Infogauda / Baixo Miño


“Este decreto é unha burla ao pobo galego”
así cualificou Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova o decreto do galego impulsado polo PP na Xunta de Galiza.

“Na actualidade aproximadamente un 20% dos rapaces e rapazas entre 14 e 19 anos son analfabetos funcionais en galego e continúa decaendo o número de falantes de galego entre as xeracións máis novas. A este estado de saúde de por si preocupante únese un elemento aínda máis grave: as medidas regresivas do actual goberno do PP dende os primeiros días da lexislatura no ámbito da lingua, como este decreto”.
Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denuncia a pretensión por parte do goberno galego do PP de aprobar un decreto sobre o uso do galego no ensino que é un claro ataque á nosa lingua. Segundo Iria Aboi, “este disparate bautízase como decreto do plurilinguísmo coa intención de tentar confundir á opinión pública con falacias como a implantación do inglés, co único obxecto de darlle unha navallada de morte ao galego reducindo a súa presenza no ensino do 50% ao 30%.
Iria Aboi advertiu que “a loita contra o decreto só vai rematar cando a Xunta de Galiza o retire” porque o que esta en xogo é se o galego ten dereitos como lingua propia de Galiza ou non. A xente nova está comprometida co futuro da lingua galega, só precisamos tranformar esa defensa do idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, en mobilización e resposta social en favor daquilo que nos une e identifica e nos sitúa a galegas e galegos no mundo, en igualdade con outros pobos: a nosa lingua”.
As mocidades do BNG non ficarán pasivas perante un goberno que incumpre coa responsabilidade que ten co idioma galego, que debería protexer e fomentar. A responsábel de lingua de Galiza Nova, Noa Presas, declara tamén: “Galiza Nova estase a implicar activamente na mobilización do estudantado cara a folga do día 21 convocada por Queremos galego, trasladando en reunións de delegados e delegadas nos centros de ensino a demanda que aparece no lema do noso material “Nas aulas da Galiza, Queremos Galego”.
Galiza Nova agarda que a mobilización do día 21 sexa un éxito e animaron ás mozas e mozos a que ademais de apoiar a folga acudan á manifestación a Compostela. O Responsábel Comarcal, Xosué Campos apuntou que Galiza Nova na comarca está a manter actos nos institutos da zona a fin de explicar as motivacións da folga. Para isto celebráronse asembleas con delegados ou xuntanzas no IES San PAio de Tui, no IES da Sagriña, etc.
O Responsábel Comarcal sinalou que as previsións que manexamos da comarca son boas, aínda que se sigue traballando para que a folga sexa masiva. O Responsábel Comarcal volveu facer un chamamento á mocidade da comarca para se sumen a Queremos Galego e recordou que existen autobuses para trasladarse a Santiago dende O Baixo Miño cos seguintes horarios:
9:00h. Alameda da Guarda

9:15h. Parada de autobuses de Goián
9:20h. Instituto de Tomiño
9:35h. Corredoira de Tui

e que se poden anotar no teléfono: 679 986 290.

Ningún comentario:

Publicar un comentario