5 de nov. de 2009

OURENSE

EVITAR A MORTE SÚBITA, OBXECTIVO DUN CURSO QUE ORGANIZA A DEPUTACIÓN SOBRE DESFIBRILADORES



A Deputación de Ourense, a través do seu Negociado de Formación Continua, organiza un curso sobre “Manexo de desfibriladores externos semiautomáticos”, que comeza hoxe, 5 de novembro, e terá a súa continuación o día 12 de novembro, no Centro Cultural da Deputación.

Infogauda / Ourense
Os obxectivos do curso son tentar aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, acadando un acceso precoz, acurtando os tempos para practicar a reanimación cardio-pulmonar e a desfibrilación, dentro da cadea de supervivencia. Asemade, faise fincapé na importancia de chamar ó 061, de practicar a reanimación cardio-pulmonar e de utilizar o desfibrilador externo semiautomático polos primeiros intervintes. Outro dos obxectivos é acurtar o tempo en que se practica a reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación grazas ao correcto manexo do desfibrilador, incrementando o número de persoas adestradas para utilizalo con éxito.O curso vai dirixido a persoal non sanitario da Administración Local de Ourense pertencente a centros de traballo que conten con equipos de desfibrilación externa semiautomática (DESA). Tamén se dirixe a policías locais, bombeiros e membros de protección civil dos concellos de Ourense e persoal dos equipos ou grupos de intervención rápida das entidades locais da provincia.A duración do curso é de 8 horas lectivas, e o horario das clases será os xoves 5 e 12 de novembro, de 16:30 a 20:30 horas. O programa inclúe temas como historia e definición da RCP e a importancia da desfibrilación precoz, coñecemento teórico do desfibrilador, protocolos de utilización e prácticas. O equipo docente do curso está integrado por Antonia González Araújo, licenciada en Medicina e Cirurxía Xeral, Óscar Estraviz Paz, diplomado universitario en Enfermería. Enfermeiro do 061 en Ourense e Monitor de SVB e de SVA, Xosé Rodil Fernández, diplomado universitario en Enfermería e David Seara Núñez, técnico de Transporte Sanitario no 061 en Ourense e Monitor de SVB e SVA.Aos alumnos que complete con regularidade e aproveitamento o curso outorgaráselles o correspondente certificado expedido pola FUSG-061.

Ningún comentario:

Publicar un comentario