21 de nov. de 2009

BAIXO MIÑO

O BNG reclama un incremento de máis de 6 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para investimentos fundamentais no Baixo Miño


Carme Adán, deputada do BNG no Parlamento Galego e Xosé Manuel Méndez, Responsábel Comarcal do BNG no Baixo Miño

Infogauda / Baixo Miño
O BNG ven de rexistrar no Parlamento Galego unha serie de emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2010 para que as partidas que se destinan ao Baixo Miño se incrementen en máis de 6 millóns de euros. Con esta iniciativa pretende evitar que a comarca sexa marxinada nuns orzamentos que, como declararon a deputada Carme Adán e o Responsábel Comarcal do BNG Xosé Manuel Méndez en rolda de prensa: “son claramente discriminatorios para o Baixo Miño e mesmo paralizan proxectos que xa estaban en marcha en varios concellos da comarca”.
En concreto, o BNG reclama que a Xunta inclúa nos orzamentos actuacións básicas para o desenvolvemento económico da comarca como o Parque Empresarial de Tomiño, un proxecto que xa recibira un forte impulso na anterior lexislatura grazas á xestión da Consellería de Vivenda e Solo. Trátase dunha infraestructura indispensábel pola gran demanda existente de solo industrial e que axudaría en boa medida a revitalizar económica e laboralmente o Baixo Miño.
Do mesmo xeito os nacionalistas reclaman un investimento de un millón de euros para iniciar a construcción do Dique Sur Exterior de Abrigo na Guarda, investimento que consideran clave para o futuro da frota de baixura. O BNG reclama tamén para o porto da Guarda un investimento de 100.000 euros para a instalación de bombas de subministro de combustíbel por seren un servizo imprescindíbel para o normal desenvolvemento da actividade pesqueira, e 70.000 euros destinados á embarcación de Salvamento Marítimo.
Outra das emendas presentadas polo BNG reclama unha partida de 3 millóns de euros para a construcción do Centro de Saúde de Tui, unha promesa eleitoral do Partido Popular e que agora pretenden entregar á empresa privada, feito que o BNG considera inadmisíbel. O BNG defende que servizos tan elementais como a sanidade deben manter unha xestión completamente pública, máxime cando a privatización ten demostrado supor un claro deterioro da calidade na atención sanitaria.
Asemade, demándase o mantemento das oficinas de Igualdade máis Benestar que dan servizo á comarca pola súa importancia para atender os casos de violencia de xénero e para implantar políticas de igualdade.
Outras partidas
Entre outros investimentos os nacionalistas tamén solicitan que a Xunta acometa o Plan Especial do Monte Tegra, xa aprobado na anterior lexislatura e que servirá para poñer en valor un dos maiores atractivos turísticos e culturais de Galiza co beneficio que isto supón para o desenvolvemento económico e laboral da zona. Na mesma liña e seguindo o mesmo criterio o BNG reclama 600.000 euros para o Plan de Rehabilitación do casco histórico de Tui.
Ademais, o BNG reclama a remodelación do Mercado de Abastos da Guarda, para o que solicita un investimento de 200.000 €, e a construcción da piscina municipal de Tomiño, unha obra incluída no Plano de Infraestruturas Deportivas e que estaba comprometida polo anterior Goberno Bipartito.
A construcción de beirarúas na estrada de Tebra, cun investimento de 200.000 euros, e a execución do colector de Carregal-Torrón, cun custo de 300.000 euros, tamén se atopan entre as emendas presentadas pola organización nacionalista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario