16 de out. de 2009

17 de outubro: Día Internacional contra a pobreza. Emerxencia en Sierra Leona

A pobreza é a maior crise de dereitos humanos do mundo



Amnistía Internacional / Vigo
No Día Internacional contra a Pobreza, Amnistía Internacional denuncia unha vez máis que a pobreza é a maior crise de dereitos humanos do mundo.
Milleiros de millóns de persoas sofren inseguridade, inxustiza e indignidade. Segundo a FAO, cando remate o ano, 1.020 millóns de persoas sufrirán por mor da fame, a cifra máis elevada dende 1970. O FMI e o Banco Mundial advertiron que ata 2010, uns 90 millóns de persoas poderían caer na pobreza debido á crise.
Ademais, 1.000 millóns de persoas viven en asentamentos precarios, cada minuto unha muller morre a consecuencia de complicacións derivadas do embarazo, 1.300 millóns de persoas non teñen acceso á asistencia médica básica, 2.500 millóns non teñen acceso a servizos sanitarios axeitados e 20.000 nenos e nenas morren cada día como consecuencia disto.
A pobreza non se trata unicamente da falla de ingresos, senón tamén da privación do acceso aos dereitos necesarios para gozar dun nivel de vida axeitado, o que se traduce na escaseza de comida e emprego; na auga contaminada, terra e vivenda, pero tamén na privación, discriminación e aumento da desigualdade, a falla de participación, a xenofobia e o racismo, a violencia e a represión en todo o mundo. O pasado mes de maio, Amnistía Internacional puxo en marcha a campaña mundial Esixe Dignidade para combater os abusos contra os dereitos humanos que producen e agudizan a pobreza e para mobilizar a persoas de todo o mundo para que esixan que os gobernos e as empresas cumpran coas súas obrigas en materia de dereitos humanos na loita contra a pobreza. Por este motivo, Amnistía Internacional participará en diversas cidades do estado nas manifestacións contra a pobreza organizadas pola Alianza Española contra a Pobreza. AI acudirá a estes actos co lema “Pobreza = Crise de dereitos humanos”.
Emerxencia en Sierra LeonaA mortalidade materna é un área chave da campaña Esixe Dignidade. Por elo, neste día, Amnistía Internacional quere chamar a atención sobre a situación de emerxencia de dereitos humanos que se vive en Sierra Leona, onde unha de cada oito mulleres pode morrer durante o embarazo ou o parto, unha das taxas de mortalidade máis altas do mundo. Un país onde case o vinte por cento das mulleres non teñen acceso a tratamentos de atención de saúde prenatal e centos de milleiros non teñen acceso a tratamentos que poidan salvar a súa vida. Onde os custos de atención médica para as mulleres embarazadas (transporte, inscrición no hospital, atención no parto, medicamentos, análises, material médico, soro, sangue para transfusións e ata as cesáreas oscilan entre os 60 e os 350 dólares) son tan altos, que nun país onde o 70 por cento da poboación sobrevive con menos dun dólar estadounidense ao día, moitas mulleres nin sequera buscan atención sanitaria por medo a non ser quen de pagala. Amnistía Internacional a través de
www.actuaconamnistia.org lanzou unha ciberacción para pedir ao Goberno de Serra Leoa que se tomen medidas para asegurar a saúde de todas as mulleres e nenas deste país, e que o custo económico non supoña unha barreira á hora de empregar os servizos de saúde básicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario