Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acordou iniciar a cartografía dos 6.623 núcleos de poboación que define na provincia o Instituto Nacional de Estatística, según explicou hoxe en rolda de prensa a vicepresidenta Teresa Pedrosa. En cada un deles definiránse os seus límites e dibuxaráse o núcleo en formato vectorial poligonal para que poida ser utilizado, posteriormente, mediante Sistemas de Información Xeográfica, en proxectos referidos á ordeación do territorio, xestión de infraestructuras, medio ambiente, equipamentos, etc.
O traballo posibilitará que a Deputación pontevedresa sexa a primeira institución que desenvolva e dispoña desta información pois, ata o de agora, as iniciativas levadas a cabo neste eido por outras entidades ou ben son incompletas, ou non dispoñen de núcleos dixitalizados, ou os núcleos veñen definidos por un único punto sen definir os seus lindes.
O concello que conta cun maior número de núcleos é A Estrada, con 508 núcleos, seguido de Lalín con 338 núcleos, y Vigo con 337. No outro extremo, atópanse A Illa con 15 núcleos, Pontecesures con 13 e Mondariz-Balneario con 3 núcleos de poboación.
A iniciativa de cartografiar tódolos núcleos da provincia enmarcase nos traballos que está a realizar o equipo técnico da Enquisa de Infraestructuras e Equipamentos Locais (EIEL), adscrito ó Servicio de Cooperación da Deputación de Pontevedra.
O traballo incluirá información relativa á demografía, vivenda, planeamento urbanístico, estructura territorial e rede viaria (estradas, viais, accesos a núcleos e infraestructuras viarias urbáns). Tamén información cartográfica e alfanumérica sobre redes de abastecemento de augas (captacións, depósitos, instalacións de tratamento e potabilización, rede de distribución e elementos singulares da rede) e redes de saneamento e depuración (sumidoiros, emisarios, depuradoras e saneamento autónomo).
Por outra parte, a EIEL dispón de datos sobre servizos (residuos sólidos, enerxía eléctrica, gas, iluminación e telecomunicacións) e equipamentos (centros de ensino, centros culturais e sociais, instalacións deportivas, mercados e feiras, centros sanitarios e asistenciais e edificios municipais).
Toda a antedita información - tanto a da EIEL como a de núcleos de poboación - será posta a disposición pública en formato estándar SHP e poderá ser descargada vía web a través do futuro nodo de infraestructuras de datos espaciais IDEPont.

Ningún comentario:
Publicar un comentario