18 de xuño de 2009

NEDA (A CORUÑA)

A agrupación local de Terra Galega de Neda anuncia a súa marcha desta formación e comunica a súa incorporación ao colectivo 17-M





Alcalde, concelleiros e militantes da que ata hoxe foi a agrupación local de Terra Galega de Neda comunicamos a toda a sociedade galega e, en especial, aos veciños e veciñas de Neda, a nosa marcha desta formación, solicitando ademais a todos os medios de comunicación que, a partir deste momento, non nos defina nin nos asocie con estas siglas das que oficialmente deixamos de pertencer desde este día.
O motivo fundamental polo que decidimos abandonar este partido é a falta de democracia interna que este padece dende hai 3 meses. Unha falta que ven dada pola nula ética e mínima transparencia dos seus novos líderes, os cales quedaron deslixitimados para liderar este proxecto tralos ridículos resultados obtidos por eles baixo as siglas de +Galicia nas eleccións autonómicas do pasado 1 de marzo, nas que nin tan sequera foron capaces de chegar aos 900 votos en todo o país.
Do mesmo xeito, o forte carácter personalista destes novos dirixentes así como os cambios realizados por eles nos principios ideolóxicos e nos estatutos cos que discrepamos completamente- impídennos a nosa permanencia neste partido.
Aproveitamos tamén esta ocasión para comunicar a nosa entrada no Colectivo 17 de Maio (17-M), unha iniciativa presentada hai poucos días por afiliados de base procedentes de diferentes formacións galegas e independentes que ten como obxectivo a creación inmediata dunha nova formación nacionalista e interclasista aberta a todos os galegos e galegas sen exclusións. Un proxecto que consideramos ilusionante e necesario para a nosa terra e na que a participación do afiliado de base será o eixo fundamental do seu día a día.
Desde a agrupación nedense ademais queremos convidar a todos os militantes de Terra Galega e a todos os galeguistas e nacionalistas de corazón a sumarse a este novo proxecto. E moi especialmente a Xoán Gato, persoa e referente político desta comarca que máis nos une e mellor nos motiva para seguir traballando por Neda e por Galicia. Consideramos que nin Galicia nin Ferrolterra poden permitirse o luxo de prescindir desta persoa polo que o emprazamos a que impulse este novo proxecto político.
Finalmente queremos lanzar unha mensaxe tranquilizadora a todos os veciños e veciñas de Neda, transmitíndolles o noso compromiso de seguir traballando día a día polo noso concello coa mesma intensidade e dedicación coa que levamos facendo dende o primeiro día que entramos a gobernar. Un goberno que seguirá sendo forte e estable como o é dende hai máis de dous anos.
(Remitido)

Ningún comentario:

Publicar un comentario