Colectivo 17 de Maio somos un grupo de galegos e galegas procedentes de diversas formacións galeguistas e independentes que, tras reunirnos nese sinalado día, decidimos crear unha plataforma comprometida pola defensa dos intereses sociais e económicos da nosa terra, así como tamén pola nosa lingua, cultura e identidade nacional.
Dende 17-M apostamos por un nacionalismo integrador e moderno. Un galeguismo interclasista, aberto a toda á sociedade galega sen exclusións e cunha clara vocación europeísta e cosmopolita. Estas son as nosas convicións políticas e, lonxe de ocultalas ou disfrazalas, sentímonos moi orgullosos delas.
Consideramos que, boa parte da sociedade galega, farta do panorama social e económico que está a vivir a nosa terra, non se sente representada por ningunha das tres grandes formacións políticas do país, as cales, incapaces de aportar solucións aos problemas reais da xente, danlle constantemente ás costas aos galegos, vivindo moi afastados do verdadeiro día a día destes.
Boa proba disto son os milleiros de traballadores que cada mes se incorporan ás listas do paro, as moreas de autónomos que están a pasar verdadeiras dificultades para non pechar os seus negocios, os miles de gandeiros e labregos que vense obrigados a abandonar as súas explotacións ou os centos de mozos e mozas que, tras acabar os seus estudos, non lles queda outra que ir buscar traballo fóra ante a falta de oportunidades laborais que a súa terra non é quen de ofrecerlles. A indefensión ante a que se encontran todas estas persoas semella que aínda non parece preocupar ás tres grandes formacións políticas do país, as cales seguen enfrascadas en polémicas e disputas secundarias.
Pero a este desolador panorama haille que sumar ademais a crítica situación que está a atravesar o nacionalismo galego, o cal se encontra nos seus mínimos históricos en canto aceptación popular. Os tres partidos políticos de ámbito galego -BNG, TEGA e PG- inmersos en crises internas debido a súa falta de democracia interna -cuns dirixentes deslexitimados e pouco representativos das súas bases- van camiño de esmorecer (caso de TEGA e PG) ou de converterse nunha forza de carácter residual (caso do BNG).
Ante esta tesitura, desde 17-M consideramos necesaria a creación dunha alternativa para todos os nacionalistas e galeguistas de corazón que están fartos desta realidade e que non están dispostos a quedarse cos brazos cruzados ollando para outro lado. Unha alternativa de carácter popular, libre de ataduras, que cree ilusión entre a xente e onde teñan cabida todo tipo de ideas e iniciativas que redunden nun maior progreso para a nosa terra.
(Remitido)


Ningún comentario:
Publicar un comentario