UNHA PORTA QUE DEBERA CONTAR COA DEBIDA PROTECCIÓN


A simple vista, a porta que lles amosamos semella non presentar nada especial. Trátase dunha porta vella que pertence a unha vivenda particular que leva un feixe de anos deshabitada. Coñecemos a familia propietaria e contamos coa vontade de ceder esa porta. A día de hoxe a porta xa non se atopa como cando fixemos as fotografías que lles amosamos. Por iso, desde Infogauda coidamos necesario que por parte das autoridades correspondentes se dén os pasos necesarios para que a devandita porta pase a engrosa-los fondos do Museo do Mar. ¿Porqué o decimos? Porque esa porta corre o risco de estragarse de moitos xeitos diferentes. Non imos dar detalles. En todo caso, trátase dunha porta única, pois presenta varias marcas que forman parte do patrimonio cultural e etnográfico da Guarda. Por esa razón, logo de reflexiona-lo durante moitos anos, coidamos necesario facer esta chamada cara a recuperación desa porta que como antes afirmamos, a familia propietaria do inmoble está disposta a ceder desinteresadamente. Podemos afirmar que o "custe" da porta sería a colocación dunha nova de madeira que impedise a entrada a vivenda de persoas alleas á mesma. Nada máis. En todo caso, é necesario contactar persoalmente coa familia propietaria porque as cousas, como é natural, deben facerse axeitadamente. Confiamos en que esa porta, conte nos vindeiros días coa protección que agora mesmo non tén, e polo que se ve, a ningún persoeiro público semella preocuparlle.




Ningún comentario:
Publicar un comentario