5 de out. de 2026

SALCIDOS (A GUARDA)

Novo éxito da Festa Cultural Gastronómica no Parque do Monte Torroso, en Salcidos 

 

Vista do interior da carpa, onde as persoas asistentes gozaron da gastronomía, da conversa distendida, da música e do magnífico ambiente
Fotos: infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente/Salcidos

 A segunda xornada da Festa Cultural Gastronómica, organizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcidos coa colaboración do Concello da Guarda, volveu converter onte, domingo 4 de outubro, o Parque do Monte Torroso nun punto de encontro para a cultura, a música, a artesanía e a gastronomía tradicional.  

 Desde primeiras horas da mañá, o recinto foi recibindo visitantes procedentes de distintos puntos do Baixo Miño e do Val Miñor, ademais de numerosos veciños e veciñas da Guarda, Camposancos, Salcidos, A Gándara e outras localidades próximas, que quixeron participar nesta nova edición da festa. 

 

Algunhas das obras do escultor Genaro Alonso Martínez expostas na Casa de Montes de Salcidos
Mostra de instrumentos de percusión da autoría do artesán Félix

 Na Casa de Montes, as persoas asistentes tiveron oportunidade de contemplar varias esculturas de Genaro Alonso, así como unha interesante mostra de instrumentos musicais de percusión elaborados polo artesán Félix, achegando ao encontro unha destacada presenza da artesanía e da creación artística.


O artista Marcos Escudero ultimando o seu labor de escultura en madeira que representa ao "Caudillo celta do Monte Torroso"

 Un dos focos de atención da xornada foi o traballo desenvolvido polo polifacético artista Marcos Escudero, que desde as dez da mañá se dedicou a transformar unha torada de madeira de piñeiro nunha nova creación artística. Escudero foi traballando nela en diferentes momentos ao longo do día, mentres numerosas persoas seguían con curiosidade e interese a evolución da peza.  

 Pero se algo caracteriza esta Festa Cultural Gastronómica é a súa capacidade para reunir cultura e tradición arredor dunha boa mesa. As persoas asistentes puideron degustar diferentes propostas da gastronomía popular, entre elas callos, orella, porco ao espeto, tortillas, zorza e como sobremesa a tradicional rosca de xema da Guarda, nun ambiente de convivencia e celebración que se prolongou durante boa parte da xornada.


O Trío Luetto ofreceu unha selección de temas musicais que foron premiados cos aplausos dos asistentes

 Despois do xantar chegou un dos momentos máis agardados: a actuación do Trío Luetto, integrado por Toñi Santos Vaquero, Edu Rodríguez Sobrino e Laura Ramírez. O grupo ofreceu unha coidada selección de temas populares e de composicións de autores tan diversos como Leonard Cohen, Álvaro Cunqueiro ou Dulce Pontes, nunha proposta musical na que se combinaron o violoncelo, o teclado electrónico e a gaita galega coa inconfundible voz de Toñi Santos.  

 Entre as pezas interpretadas estiveron Hallelujah, de Leonard Cohen, e Tu gitana, canción con letra procedente do repertorio tradicional do Cancioneiro de Vila Viçosa e música de José Afonso (Zeca Afonso), que contribuíron a crear unha atmosfera especialmente emotiva e próxima.


Un momento da actuación do grupo Os Ventos do Minho que interpretaron unha escolma de temas do folclore galego

 A actuación do Trío Luetto contou tamén coa participación de músicos convidados, integrantes do grupo Os Ventos do Minho, de Guillarei. A súa presenza serviu de ponte cara ao último tramo da festa, xa que posteriormente ofreceron a súa propia actuación, achegando ao escenario música folk e de raíz galega.  

 Deste xeito, música, artesanía, creación artística, gastronomía e convivencia volveron darse a man no Parque do Monte Torroso, nunha xornada que confirmou, unha vez máis, a capacidade da Festa Cultural Gastronómica de Salcidos para atraer público e reivindicar as expresións culturais e gastronómicas máis próximas.  

 Con Os Ventos do Minho poñendo o punto final á programación, a segunda xornada desta nova edición da Festa Cultural Gastronómica pechou cun auténtico broche de ouro, deixando entre as persoas asistentes a sensación de ter participado nunha celebración na que tradición e cultura camiñan xuntas.

 Dese xeito non nos sorprende que o arduo labor realizado polos membros da xunta reitora e comuneiros de todas as idades, que coidan o monte comunal fose premiado con merecidos parabens.

Ningún comentario:

Publicar un comentario