BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés continúa a liga coa perigosa visita do Beti-Onak
• O equipo baixomiñoto recibirá este sábado ao Replasa Beti-Onak navarro (19.00 horas) para xogar a quinta xornada ligueira, que chega despois da decepción europea
• A convocatoria mira con dúbidas a Cobo e Martínez e espera botar man dalgún reforzo xuvenil
• O Club prepara unha xornada de balonmán baixomiñoto na Sangriña, co partido do Atlético Novás ás 16.30 horas e un desconto no prezo das entradas para os socios de cada un
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés retoma a competición cun novo reto de alta esixencia. As de José Ignacio Prades recibiran este sábado, 10 de outubro, ás 19.00 horas na Sangriña, ao navarro Replasa Beti-Onak para disputar a quinta xornada ligueira, buscando evocar as boas sensacións na competición estatal para deixar atrás a decepción europea. Na convocatoria continúan as dúbidas con María Cobo e Elena Martínez. O club baixomiñoto aliouse co Atlético Novás rosaleiro, que tamén xogará este sábado no mesmo pavillón ás 16.30, para ofrecer descontos do 50% nas entradas de cada partido para os socios do outro.
O equipo baixomiñoto chega en busca de recuperar as boas sensacións grazas á competición nacional. A pasada fin de semana foi esixente e á vez decepcionante para as galegas, que non puideron contra o Boden Handboll sueco e caeron nos dous duelos que compoñían a Round 2 da EHF European League (61-54 o marcador global da eliminatoria). Eliminadas xa da competición continental, pero con honras tras aguantar o tipo ata o final ante un rival máis físico e preparado, toca centrarse nunha Liga Guerreiras na que seguen invictas e con ganas de aumentar as súas oportunidades reais.
Para iso, deberán superar o impoñente mes de outubro que teñen por diante, que aínda con descansos polo medio tenlles preparadas tres citas ante tres grandes da categoría. O primeiro, o Beti-Onak navarro este sábado, un equipo que sempre puxo en dificultades ás da Guarda e que chega ademais nunha dinámica prometedora para esta tempada. O hándicap engadido para as anfitrioas, as incertezas que aínda rodean á súa convocatoria: barállanse xa as posibles altas de María Cobo e Elena Martínez, fóra de perigo pero con dúbidas sobre a súa dispoñibilidade para o ritmo de partido. Haberá que esperar a este sábado para definir as 16 xogadoras que recibirán ao rival navarro, coa posibilidade de botar man de reforzos xuvenís no caso de que ningunha das dúas valencianas poida reincorporarse.
O Replasa Beti-Onak, pola súa banda, chega con ganas de continuar o bo camiño que iniciou fai dúas xornadas. Neste verán, o equipo de Villava apostou pola identidade que nos últimos anos permitiulle crecer mantendo ao groso do seu persoal, fóra das saídas sensibles de Kelly Fonkeng, Aileen Ripa e María Brasil; aínda que a poderosa chegada de Martina Lang está a logralas compensar. Os reaxustes fixéronlle iniciar a liga con dúas derrotas, unha folgada contra o Bera Bera (26-17) e outra máis pelexada ante o Elda (22-24); e foi na terceira xornada cando puido por fin despegar.
Dous triunfos de categoría ante o campión actual e o Porriño colocan ás de Miguel Etxeberria na sexta praza, aínda que con aspiracións de seguir escalando. E, igualmente, coa intención de volver poñer en aprietos a un Atlético Guardés que historicamente tivo nas navarras o seu talón de Aquiles.
Este sábado, ás 16.30 horas, o pavillón da Sangriña acolle tamén a cuarta xornada da Primeira División Masculina entre o Atlético Novás veciño e o Balonmán Ingenio. Con motivo da dobre cita balonmanística no mesmo espazo, as xuntas directivas de ambos os clubs anfitrións acordaron descontos para os socios do outro: os abonados e socios do Atlético Guardés poderán adquirir as entradas para o duelo do Novás ao 50% do seu prezo orixinal; mentres que os socios rosaleiros terán as entradas para o duelo feminino tamén a metade de prezo.
José Ignacio Prades: “Independentemente de que sexa un dos favoritos para estar arriba, o Beti traballa moi ben e poñerá un partido complicado”
O adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, quixo destacar a boa dinámica na que chega o seu rival. “Nas dúas últimas xornadas, o Beti creceu unha chea e sacou dúas moi bos resultados en Rocasa e contra Porriño”, indica o técnico, o que para el é unha proba dunha tendencia crecente que as navarras veñen buscando nos últimos anos.
Para Prades, o club de Villava, “leva uns anos apostando por estar arriba na clasificación, e por persoal e orzamento é un dos favoritos para iso”, explica, aínda que “independentemente diso, traballa moi ben e leva un cantos anos na parte alta e xogou mesmo unha competición europea e unha final de Copa”, conclúe centrándose nos resultados deportivos. Todo un conxunto de factores que, en definitiva, fará que as navarras propoñan “un partido complicado e difícil, onde esperamos que A Sangriña bótenos un cable para sacar estes dous puntos, que son moi importantes aínda que nos atopemos na xornada cinco”.
AXENDA
Liga Guerreiras Iberdrola | Xornada 5
Balonmán Atlético Guardés – Replasa Beti-Onak
Sábado, 10 de outubro | 19.00 horas | A Sangriña
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés:

Ningún comentario:
Publicar un comentario