18 de set. de 2026

TURISMO

A Deputación presenta o III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, que acolle A Guarda os días 29 e 30 de setembro 

O organismo provincial achega 20.000 euros para a organización deste encontro, impulsado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), e para unha consultaría sobre os obstáculos ao desenvolvemento do turismo fluvial a nivel ibérico 

AGAN+ avanza que o Plan Estratéxico de Turismo Fluvial de Galicia, redactado pola entidade para a Axencia de Turismo de Galicia, presentarase na mañá do 29 de setembro durante o Encontro  


Os deputados provinciais Jesús Vázquez Almuíña e Roberto José Álvarez Carrero presentaron hoxe no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, o III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, organizado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+)
Foto: TRRBB

Infogauda/Pontevedra

 Os deputados provinciais Jesús Vázquez Almuíña e Roberto José Álvarez Carrero presentaron hoxe no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, o III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, organizado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+), que terá lugar na Guarda os días 29 e 30 de setembro. No acto participaron tamén o vicepresidente de AGAN+, José Manuel Fernández, e a técnica de proxectos da entidade, Elena Fernández. 

 A Deputación de Pontevedra achega unha axuda de 20.000 euros para a organización deste encontro, que dará cabida a axentes do ámbito turístico e do sector náutico de España e Portugal, e tamén para a realización dunha consultaría sobre os obstáculos existentes a nivel ibérico para o desenvolvemento do turismo fluvial, que analiza os ámbitos de mellora e achega exemplos de boas prácticas. Os resultados deste estudo presentaranse durante a primeira xornada do Encontro. 

Cooperación territorial e desestacionalización 

 O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, subliñou a importancia de “activar engrenaxes para avanzar, para crear novos produtos turísticos e ampliar a oferta da man, ademais, da sostibilidade e da cooperación territorial entre a provincia de Pontevedra e o norte de Portugal”. Ao respecto, enxalzou que “xuntos temos máis capacidade de impulsar un turismo como é o fluvial, comprometido coa preservación do noso medio natural e con capacidade para diversificar a oferta e desenvolverse de xeito desestacionalizado”

 Pola súa banda, Roberto José Álvarez Carrero, deputado de Cooperación Transfronteiriza, destacou a importancia de impulsar “o desenvolvemento do espazo transfronteirizo a través do aproveitamento do río Miño e do turismo fluvial”. Neste eido, avanzou que durante o Encontro “afondarase nas estratexias para ordenar de forma sostible os espazos fluviais compartidos, así como na normativa existente nos dous territorios, nas infraestruturas e equipamentos dispoñibles ou nas posibilidades de poñer en marcha itinerarios náutico-culturais combinados que xeren impacto no noso territorio”. 

“Non partimos de cero” 

 O vicepresidente de AGAN+, José Manuel Fernández, lembrou que a asociación, que cumpre 27 anos o vindeiro mes de decembro, traballa especificamente no turismo fluvial desde 2007, cando comezou a desenvolver proxectos de desenvolvemento náutico sostible no Espazo Atlántico. Desde entón, iniciativas como Ecodestin, Capiten, Xacobeo Transfer, a Red CCF ou a Red CIFT tiveron un protagonista común: o río Miño, nos seus diferentes tramos navegables, desde o Baixo Miño transfronteirizo con Portugal ata o Miño-Sil no interior de Ourense. “Non falamos de proxectos illados. Falamos de máis de dúas décadas de coñecemento acumulado sobre navegabilidade, patrimonio e oferta náutica a ambos os lados da fronteira”, sinalou. 

 Fernández avanzou en primicia que o Plan Estratéxico de Turismo Fluvial de Galicia, redactado por AGAN+ para a Axencia de Turismo de Galicia, presentarase na mañá do 29 de setembro, durante o Encontro. O documento inclúe como peza central o Plan Director de Turismo Fluvial para o Gran Destino Río Miño-Sil, un traballo que, segundo o vicepresidente, “sitúa a AGAN+ no centro da planificación pública do turismo fluvial en Galicia para os próximos anos”. 

 O vicepresidente puxo tamén en valor os resultados do programa “Vive o Río Miño ao Máximo”, desenvolvido por encargo da AECT Río Miño no marco do proxecto Visit Rio Minho+, que mobilizou 14 operadores náuticos transfronteirizos, xerou preto de 30 saídas náuticas e reuniu case 300 participantes, entre profesionais do sector e asociacións do territorio. “O Miño é un río que admite practicamente calquera público: tivemos a bordo desde nenos de 6 anos ata avoas de 97, e en calquera época do ano”, subliñou. 

Dúas xornadas de traballo, feira e saídas demostrativas 

 A técnica de proxectos de AGAN+, Elena Fernández, detallou un programa que “reflicte a experiencia acumulada” da entidade. O martes 29 abrirase cunha sesión de planificación e xestión de destinos na que representantes da Secretaría de Estado de Turismo, da Xunta de Galicia, da AECT Río Miño e da Red CIFT compartirán estratexias e experiencias de desenvolvemento, desde o Miño ata o Ebro, o Douro ou o Texo. A continuación presentaranse os resultados do estudo ibérico sobre os obstáculos e as solucións para o turismo fluvial, que se traballarán en mesas temáticas con todas as persoas asistentes, e a xornada pecharase cunha sesión de boas prácticas sobre embarcacións, equipamento, pantaláns e mobilidade complementaria. 

 O mércores 30 centrarase na comercialización dos cruceiros fluviais transfronteirizos, cun informe de evaluación comparativa sobre os grandes destinos fluviais de Europa, e no financiamento de proxectos empresariais no sector, antes da presentación das conclusións. 

 En paralelo, durante as dúas xornadas, haberá unha feira de provedores de solucións náuticas e saídas demostrativas en barcos eléctricos e híbridos, abertas a todo o público asistente. “Cremos que ver e tocar estas solucións é tan importante como falar delas”, explicou Elena Fernández. 

Información práctica 

As sesións celebraranse na Sala de Plenos do Concello da Guarda, e o luns 28 de setembro terá lugar unha recepción de benvida na Estación Marítima de Camposancos. A inscrición é gratuíta ata completar prazas en aganplus.org/encontrofluvial2026. 

 O Encontro está organizado por AGAN+, a Red CIFT e a Red CCF, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello da Guarda. O proxecto Red CIFT está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VI A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027. 

Sobre AGAN+ 

 A Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) é unha entidade sen ánimo de lucro, que cumpre 27 anos en decembro de 2026, cuxos obxectivos son fomentar a competitividade, a innovación, a desestacionalización da oferta e o emprego no ecosistema turístico-náutico; impulsar sistemas de calidade e estandarización que permitan promocionar unha oferta de servizos homoxénea por parte de empresas e destinos náuticos; poñer en funcionamento, promover e apoiar a comercialización de produtos de turismo náutico; converter os municipios en destinos náuticos de calidade e promover o acceso ás actividades náuticas. Na actualidade, AGAN+ preside a Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos destinos náuticos sostibles de España (Red CCF) e é socia promotora da Rede de Cruceiros Ibéricos Fluviais Transfronteirizos (Red CIFT).

Ningún comentario:

Publicar un comentario