A XUNTA DE GALICIA INVISTE MÁIS DE 30.000 EUROS NA MELLORA DOS COLEXIOS PINTOR ANTONIO FERNÁNDEZ E PLURILÍNGÜE DE TEBRA
• O delegado territorial visitou hoxe os centros educativos deste concello para comprobar o resultado das actuacións realizadas para mellorar as súas instalacións
• Tamén se realizou a acometida eléctrica no Instituto Antón Alonso Ríos, cun investimento de 40.000 euros
• Fernández destacou o feito de que a Xunta xestiona todos os comedores escolares do concello de Tomiño
Infogauda/Tomiño
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou onte os Colexios Pintor Antonio Fernández e Plurilingüe de Tebra, no concello de Tomiño, para comprobar o resultado das obras de mellora executadas recentemente nos dous centros educativos, cun investimento conxunto superior aos 30.000 euros. Ademais, destináronse 40.000 euros á acometida eléctrica do Instituto Antón Alonso Ríos.
No CEIP Pintor Antonio Fernández destináronse máis de 13.000 euros á substitución da cuberta do patio, mentres que no CEIP Plurilingüe de Tebra o investimento superou os 17.000 euros e permitiu reformar a soleira, evitando así os charcos e buratos que se creaban no chan e que dificultaban o xogo dos pequenos. Estas intervencións permiten seguir adecuando os espazos educativos ás necesidades do alumnado e de toda a comunidade educativa en xeral.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos, cunha aposta por unhas instalacións máis confortables, seguras e adaptadas ás necesidades de alumnos e docentes. “Investir nos centros educativos é tamén investir na calidade do ensino e no benestar de toda a comunidade educativa”, sinalou Pablo Fernández.
Durante a visita, o delegado puido coñecer de primeira man o resultado dos traballos e trasladar o compromiso da Xunta de continuar colaborando cos centros e cos concellos para atender as necesidades de mantemento e mellora das infraestruturas educativas. Ademais, Fernández aproveitou a visita para poñer en valor o feito de que a Xunta xestiona todos os comedores escolares do concello de Tomiño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario