A Xunta de Galicia inicia as obras da senda na PO-352 no concello da Guarda, nas que inviste preto de 1,3M€
• A actuación permitirá habilitar un itinerario peonil e ciclista continuo aproveitando a traza da PO-352 que circunvala o Monte de Santa Trega
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, supervisou hoxe o inicio dos traballos
Foto: XG
Infogauda/A Guarda
A Xunta de Galicia inicia as obras da senda na PO-352 no Concello da Guarda, nas que inviste preto de 1,3M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, supervisou hoxe o arranque destes traballos.
A actuación permitirá habilitar un itinerario peonil e ciclista continuo, aproveitando a traza da estrada PO-352 que circunvala o Monte de Santa Trega. En concreto, son dous os treitos de senda que se van construír (entre os pq 1+910 e 4.040 e o 5+210 e 5+950), que suman 2,8 quilómetros, e conectarán con itinerarios existentes.
Allegue enmarcou esta nova actuación na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, a través destas sendas que, como destacou, permiten desprazamentos seguros para os colectivos máis vulnerables das estradas e tamén, especialmente neste caso, “permiten dar a coñecer a beleza e patrimonio dos nosos concellos”. “Este itinerario será un novo atractivo turístico para este concello, porque os treitos que imos habilitar conectarán con outros itinerarios peonís e permitirán rodear todo o monte de Santa Tegra de forma segura a pé ou en bicicleta, seguindo esta estrada”, afirmou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue.
Os treitos de senda darán continuidade ás zonas urbanas xa existentes que teñen beirarrúas e facilitarán os desprazamentos entre o núcleo urbano da Guarda e servizos como o cemiterio e os centros de actividade industrial.
Será un itinerario de 2 metros de ancho medio e, ademais, levaranse a cabo outras melloras complementarias da senda, como a habilitación de 11 muros de contención, novos sumidoiros de drenaxe e a preparación de canalizacións para o futuro soterramento de servizos. As obras contan cun prazo de execución de 8 meses.
A conselleira destacou que a Administración autonómica está a desenvolver o Plan de Sendas co que xa leva máis de 300 quilómetros destes itinerarios en Galicia “co selo da nosa Galicia Calidade” e traballa para ampliar esta rede.
Deste xeito, só na povincia pontevedresa, a Xunta ten en marcha proxectos e obras de quince sendas por importe de preto de 25M€. Ademais da Guarda, desenvólvense en concellos como Pontevedra, Marín, Bueu, Meaño, Moraña, Valga, Ponteareas, Mondariz, A Estrada, Moaña, O Porriño, Vigo ou Poio, onde tamén está en proxecto outra senda na PO-303 en Samieira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario